O CITIC acolle o primeiro encontro do proxecto europeo de Talentos Inclusivos para fomentar a inclusión dixital na educación STEM
22 de Xaneiro de 2025
O CITIC, centro que pertence á Rede CIGUS, unha iniciativa promovida pola Xunta de Galicia que aglutina os centros do sistema que acreditaron a súa excelencia científica, foi a sede da primeira reunión presencial do EDIGIT (Education and Digital Literacy to Grow Inclusive Talents), a versión internacional do proxecto Talentos Inclusivos. O encontro, celebrado esta semana, reuniu a representantes de varios países europeos como Hungría, Italia, República Checa e España, para iniciar os traballos do proxecto.
A iniciativa ten como obxectivo principal promover a participación das persoas con discapacidade na transición dixital, impulsando enfoques inclusivos no ensino das disciplinas STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas). A través deste proxecto europeo, búscase dotar ao profesorado das competencias necesarias para desenvolver iniciativas centradas na inclusión dentro destes ámbitos educativos.
Durante a reunión, os participantes traballaron na definición do enfoque metodolóxico e pedagóxico que guiará o desenvolvemento do contido educativo do proxecto. Este traballo forma parte dun conxunto de actividades que se centran na creación de materiais educativos inclusivos e adaptados ás necesidades do profesorado e alumnado nun contorno dixital. Ademais, realizouse unha aproximación para definir as competencias clave, a estrutura dos módulos de formación e os requisitos de dixitalización necesarios para asegurar que os contidos sexan accesibles e efectivos. Estas cuestións abordaranse nun primeiro borrador que se presentará proximamente.
O consorcio do proxecto, liderado polo CITIC, inclúe outras seis institucións de cinco países diferentes: Academia José Moreira da Silva (Portugal), Kezenfogva Osszefogas A Foyatekosokert Alapitvany (Hungría), Gymnázium Jiřího Gutha-Jarkovského (República Checa), ASPACE Coruña (España), Polo Europeo della Conoscenza – IC Bosco Chiesanuova (Italia) e On Projects Advising SL (España).
O CITIC subliñou a importancia desta colaboración internacional para crear recursos educativos que fomenten unha maior inclusión e equidade na educación dixital. O proxecto EDIGIT comprométese a ofrecer unha formación de alta calidade que non só mellore as habilidades dixitais do profesorado, senón que tamén faga do ensino STEM unha experiencia accesible e inclusiva para todos.