O CITIC e a Universidade de Granada propoñen mellorar a identificación de restos humanos mediante superposición craniofacial
17 de Xullo de 2024

O CITIC, centro pertencente á Universidade da Coruña e que forma parte da Rede CIGUS, unha iniciativa promovida pola Xunta de Galicia que aglutina os centros do sistema que acreditaron a súa excelencia científica, desenvolve unha técnica innovadora para mellorar a identificación forense de restos humanos. Faino xunto ao Instituto DaSCI da Universidade de Granada e en colaboración coa empresa Panacea Cooperative Research. O investigador do CITIC Óscar Panizo participa no desenvolvemento desta técnica, que se basea na superposición craniofacial e que analiza a correspondencia entre un cranio post mortem e fotografías faciais ante mortem.
A nova metodoloxía representa un avance significativo na toma de decisións obxectivas e permite cuantificar a probabilidade de que un cranio corresponda ás fotografías estudadas. Aínda que a superposición craniofacial é unha técnica crucial na identificación forense, a súa aplicación foi tradicionalmente complexa e subxectiva.
O estudo introduce un sistema de avaliación baseado nas razóns de verosimilitude (LR, pola súa sigla en inglés), unha metodoloxía utilizada anteriormente noutros campos forenses como a análise de ADN, a identificación por voz e as pegadas dactilares, e recomendada pola European Network of Forensic Science Institutes (ENFSI). A investigación propón a aplicación pioneira deste enfoque na superposición craniofacial, mediante tres experimentos que adestran e proban o sistema en distintas condicións de imaxes faciais. O primeiro utiliza fotografías frontais, o segundo emprega fotografías laterais, e o terceiro integra ambas as perspectivas.
Os resultados dos experimentos mostran que o sistema LR proposto ofrece unha excelente calibración e poder discriminatorio, proporcionándolles aos expertos forenses unha ferramenta cuantitativa para avaliar e integrar probas.