O CITIC lidera, xunto co CITENI, o desenvolvemento dun modelo intelixente que optimiza a construción naval
7 de Agosto de 2025
Investigadores do CITIC, centro de investigación da Universidade da Coruña e membro da Rede CIGUS—unha iniciativa promovida pola Xunta de Galicia que agrupa os centros do sistema que teñen acreditada a súa excelencia científica— deseñaron unha ferramenta pioneira que mellora a planificación nos estaleiros e incorpora, por primeira vez, a estratexia real de montaxe do casco.
Esta investigación, desenvolvida en colaboración co CITENI (Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais) da Universidade da Coruña, foi publicada na revista International Journal of Production Research, unha das máis prestixiosas no ámbito da enxeñaría industrial.
O traballo dos equipos de investigación de ambos centros supón un salto cualitativo na planificación da produción de buques ao integrar variables reais de operación e unha visión adaptativa dos procesos produtivos. A súa proposta presenta unha metodoloxía que aplica técnicas de programación por restricións (Constraint Programming) para xerar automaticamente plans de ensamblaxe máis eficientes, reducindo tempos e mellorando o uso dos recursos dispoñibles.
O investigador José A. Becerra forma parte do equipo do CITIC que desenvolveu este modelo innovador cun papel determinante no deseño computacional e na implementación da solución, achegando a experiencia do centro en técnicas avanzadas de intelixencia artificial e optimización. A súa participación garante que a ferramenta estea aliñada cos estándares máis esixentes no ámbito das TIC aplicadas á industria.
O modelo baséase en algoritmos que teñen en conta restricións reais dos estaleiros: dispoñibilidade de guindastres, prazos de entrega, capacidade de almacenamento temporal, estratexias de montaxe e dispoñibilidade de persoal. A combinación destes factores permite unha planificación moito máis precisa, aproveitando ao máximo os recursos dispoñibles.
Desde o CITIC sinalan que unha das grandes innovacións do modelo é a súa capacidade para adaptarse ás distintas estratexias reais de montaxe do casco—xa sexa en fila, en columna ou en pirámide— e axustar automaticamente a planificación á opción máis axeitada en función dos recursos e obxectivos do estaleiro.
Este avance é froito da colaboración interdisciplinar entre o CITIC e o CITENI, dentro do ecosistema da Universidade da Coruña, e en conexión co Centro Mixto de Investigación UDC-Navantia (CEMI). A ferramenta desenvolvida representa un paso importante na transferencia de coñecemento ás industrias estratéxicas do país, reforzando a aposta do CITIC pola aplicación práctica das TIC en sectores de alto valor engadido.