O CITIC obtén 1,7 millóns de euros para proxectos de transición ecolóxica e innovación e tecnoloxías intelixentes aplicadas á oftalmoloxía

19 de Maio de 2023

O CITIC obtén 1,7 millóns de euros para proxectos de transición ecolóxica e innovación e tecnoloxías intelixentes aplicadas á oftalmoloxía

O CITIC da UDC, que forma parte de Rede CIGUS, captou fondos por valor de 1,7 millóns de euros a través de dúas convocatorias de proxectos orientados á transición ecolóxica e dixital e á innovación do Plan estatal de investigación científica 2021-2023. Concretamente, foron dez os proxectos seleccionados, na súa maior parte pertencentes á área de intelixencia artificial, que abordarán solucións tecnolóxicas para mellorar a calidade de vida das persoas coidadoras, o diagnóstico de enfermidades e o tratamento de pacientes ou algoritmos de selección de características verdes, entre outras.

Así, nove iniciativas do CITIC, un dos centros cunha calidade e un impacto da súa investigación que foron acreditados pola Xunta de Galicia a través do selo CIGUS, resultaron beneficiarias da convocatoria de proxectos orientados á transición ecolóxica e á transición dixital, que ten como finalidade fomentar as actividades de I+D+i para incrementar a competitividade e o liderado internacional da ciencia e da tecnoloxía a través da xeración de coñecemento científico mediante unha investigación de calidade. Os proxectos seleccionados foron:

  • Arquitectura Lakehouse na nube como facilitador da dixitalización. IP: Juan Touriño Domínguez e Guillermo López Taboada.
  • PLAGEMIS (PLAtform for the GEneration of Mobility Information Systems). IP: Nieves R. Brisaboa e Miguel Rodríguez Luaces.
  • Sistema de alta seguridade baseado en blockchain para a xestión privada de datos de pacientes de servizos de saúde dixitais. IP: Tiago Manuel Fernández Caramés.
  • Calidade de vida para persoas coidadoras a través dunha solución tecnolóxica centrada na persoa. IPs: Betania Groba González e Laura Nieto Riveiro.
  • Detección integrada de vídeo e radar para o posicionamento en interiores de persoas sen dispositivos e con garantía de privacidade baseada en edge AI. IPs: Carlos J. Escudero Cascón e Luis Castedo Rivas.
  • o Algoritmos de selección de características verdes e rápidos. IP: Verónica Bolón Canedo.
  • o Titor de programación intelixente mediante robótica simulada. IPs: Francisco Bellas Bouza e Óscar Fontenla Romero.
  • o Diagnóstico dixital: Transformación da detección de enfermidades neurovasculares e do tratamento dos pacientes. IPs: Marcos Ortega Hortas e Jorge Novo.
  • Behavior-Based Continuous Authentication Technology as a Service. IPs: Carlos Dafonte Vázquez e Francisco Javier Nova Manuel.

Tecnoloxías intelixentes en oftalmoloxía

Pola súa parte, na convocatoria de proxectos «Proba de concepto», tamén do Plan estatal de investigación, científica e de innovación, resultou beneficiario o proxecto de Marcos Ortega sobre melloras no diagnóstico e investigación clínica mediante tecnoloxías intelixentes aplicadas á imaxe oftalmolóxica. A investigación, que parte dos resultados dun proxecto de I+D anterior (RTI2018-95894), desenvolveu e validou metodoloxías para o diagnóstico e caracterización de patoloxías maculares baseadas na análise automática de imaxes multimodais, principalmente retinografía, OCT e OCT-La. Precisamente, estes métodos son obxecto agora da «Proba de concepto» co fin de transferilos ao mercado e á sociedade nunha forma idónea de uso. Así mesmo, permitirá integrar no sistema de saúde unha ferramenta informática de diagnóstico precoz de patoloxía ocular, mellorando a calidade de vida dos pacientes e aforrando custos no seu tratamento e seguimento.

Subir ao principio Subir ao principio