O CITIC obtén o Premio Nacional de Enxeñería Informática polo seu programa Talentos Inclusivos
20 de Marzo de 2023

Manuel F. González Penedo, director do CITIC; Fernando Suárez Lorenzo, presidente do CPEIG; María Carmen Barreiro Santos, presidenta de ASPACE Coruña; Julio E. Abalde Alonso, reitor da UDC e Javier Pereira Loureiro, subdirector do CITIC na cerimonia de entrega dos Premios Nacionais de Enxeñería en Informática
Talentos Inclusivos, o programa colaborativo posto en marcha polo Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e das Comunicacións (CITIC), adscrito á Universidade da Coruña e pertencente á Rede CIGUS, e a asociación ASPACE Coruña, recibiu por parte do Consello Xeral de Colexios Profesionais de Enxeñería Informática de España (CCII) o Premio Nacional de Enxeñería Informática na categoría Humanismo e Compromiso Social.
A iniciativa de Talentos Inclusivos naceu co dobre fin de visibilizar a realidade das persoas con parálise cerebral e promover entre o alumnado a vocación cara aos ámbitos científico e tecnolóxico. O obxectivo é animar o estudantado a traballar man a man coa asociación ASPACE para buscar na tecnoloxía solucións innovadoras que melloren o día a día daquelas persoas que sofren esta discapacidade. Entre as ideas expostas ao longo da traxectoria do proxecto, que xa vai pola súa terceira edición, destacan sistemas de anticolisión de cadeiras de rodas, xoguetes adaptados e ferramentas impresas en 3D como embocaduras para pintar.
O proxecto conta co apoio do Consello Social da UDC, a Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT) do Ministerio de Innovación, a Xunta de Galicia e o Concello da Coruña. Como novidade, este ano, Talentos Inclusivos, centralizado ata o de agora na provincia coruñesa, estendeuse a toda Galicia ao contar coa participación de alumnado de Ourense, co obxectivo de que esta iniciativa se estenda entre o estudantado galego.
Este premio outorgado polo CCII, que tivo este ano a súa primeira edición, recoñece o importante labor de investigación e innovación de profesionais, empresas e institucións que contribúen decisivamente cos seus avances ao desenvolvemento económico e social e á posta en valor do sector da enxeñería informática.
Un dos obxectivos, tanto do CITIC coma do conxunto de centros da Rede CIGUS, é poñer á disposición da sociedade os resultados das súas investigacións, promovendo accións divulgativas que potencien as vocacións científicas e garantan a renovación do talento no seu ámbito de actividade.