O CITIC participa no proxecto europeo sobre comunidades enerxéticas sostibles do Atlántico para avanzar en descarbonización

31 de Agosto de 2024

O CITIC participa no proxecto europeo sobre comunidades enerxéticas sostibles do Atlántico para avanzar en descarbonización

José Luis Calvo Rolle e Héctor Quintián, investigadores do CITIC, centro que pertence á Rede CIGUS, unha iniciativa promovida pola Xunta de Galicia que aglutina os centros do sistema que acreditaron a súa excelencia científica, forman parte do proxecto europeo de comunidades enerxéticas sostibles do Atántico (SAtComm), que acaba de mostrar os seus avances en materia de descarbonización. Trátase dun proxecto Interreg da zona atlántica do que forman parte once entidades públicas e privadas de catro países diferentes (España, Irlanda, Portugal e Francia) e que conta cun orzamento total de máis de tres millóns de euros.

Autoxestionar a enerxía limpa

As comunidades enerxéticas (CE) son entidades xurídicas formadas por socios que xeran e consomen a súa propia enerxía renovable e que teñen a opción de venderlles o excedente a outros clientes próximos ao momento de xeración. Con isto permítese que a cidadanía, desde o plano residencial ata o industrial, poida xestionar a xeración, a demanda e o almacenamento da enerxía de maneira eficiente, sen recorrer a intermediarios.

O proxecto SAtComm, que ten prevista a súa finalización para novembro do 2026, céntrase en definir un modelo eficiente e sostible para a implantación destas comunidades no ámbito europeo que sirva, ademais, como instrumento para a transición cara á enerxía limpa e a descarbonización do noso territorio. Para iso realizouse unha análise que inclúe aspectos de regulación, propostas para a predición da xeración e da demanda, novos modelos de xestión enerxética e mesmo sistemas intelixentes para a detección de anomalías no funcionamento.

A proposta do CITIC da UDC ten como primeiro obxectivo modelar todos os elementos das comunidades enerxéticas (CE) utilizando datos históricos, perfís de usuarios e os tipos de carga que deben abastecer. Estas unidades individuais integraranse nun modelo global, o que permitirá emular o comportamento das diferentes CE analizadas. Ademais, o equipo de investigación do CITIC busca identificar e analizar posibles fallos ou anomalías nos compoñentes das CE para anticipar problemas e tomar decisións acertadas na xestión, asegurando un funcionamento óptimo durante a súa operación.

Subir ao principio Subir ao principio