O CITIC pon en marcha o Quantum Lab para impulsar a computación cuántica aplicada en Galicia
3 de Xuño de 2026
O Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e das Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña, pertencente á Rede CIGUS, unha iniciativa promovida pola Xunta de Galicia que agrupa os centros do sistema galego de investigación que acreditaron a súa excelencia científica, puxo en marcha o Quantum Lab CITIC, un espazo científico orientado ao desenvolvemento da computación cuántica aplicada e á súa transferencia á contorna produtiva.
O proxecto conta cun investimento de 1,04 millóns de euros procedente do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades e da Axencia Estatal de Investigación, cofinanciado pola Unión Europea. Mediante esta financiación, o CITIC posiciónase como nodo de excelencia en tecnoloxías cuánticas, con impacto en ámbitos como a saúde pública, a ciberseguridade industrial, a transición enerxética e as finanzas internacionais.
O laboratorio configúrase como un contorno de investigación avanzado no que conflúen a computación de altas prestacións, a intelixencia artificial e a computación cuántica, co obxectivo de abordar problemas de elevada complexidade que superan as capacidades dos sistemas tradicionais e de desenvolver solucións híbridas. Entre as principais liñas de traballo do Quantum Lab destacan o desenvolvemento de técnicas de quantum machine learning e de intelixencia artificial cuántica, centradas na creación de modelos híbridos capaces de procesar información en contextos de alta incerteza.
Quantum Lab prestará especial atención á aplicación práctica destas tecnoloxías en sectores estratéxicos. Por exemplo, no ámbito da saúde desenvolveranse algoritmos para a análise automatizada de datos clínicos e biomédicos, mentres que no campo das finanzas traballarase na optimización de carteiras e na modelización de riscos en escenarios complexos.
Este laboratorio tamén se formula como unha plataforma de colaboración aberta con empresas e entidades públicas, que poderán acceder ás súas capacidades para desenvolver probas de concepto, validar algoritmos ou avaliar a viabilidade de tecnoloxías cuánticas antes da súa adopción. Neste contexto, o laboratorio articúlase con iniciativas como a Cátedra ITG UDC en Tecnoloxía Cuántica e con redes estratéxicas tanto a nivel autonómico, como o CESGA e a Rede de Tecnoloxías Cuánticas de Galicia, como europeo, entre elas o Quantum Excellence Centre e ETP4HPC.
Coa posta en marcha do Quantum Lab, o CITIC reforza a súa aposta pola investigación en tecnoloxías cuánticas e o seu papel na transferencia de coñecemento, contribuíndo a consolidar un ecosistema de innovación orientado á aplicación práctica destas tecnoloxías en Galicia.