O CITIC recibe unha delegación de Huawei para avaliar vías de colaboración conxunta
22 de Maio de 2024

Unha delegación da empresa Huawei visitou a Universidade da Coruña para levar a cabo un encontro de traballo no que analizar vías de colaboración conxunta, centrándose na análise de datos e no desenvolvemento sostible.
A delegación de Huawei trasladouse ao Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e das Comunicacións (CITIC), que pertence á Rede CIGUS, unha iniciativa promovida pola Xunta de Galicia que aglutina os centros do sistema que acreditaron a súa excelencia científica. Alí mantiveron un encontro con Javier Pereira, subdirector do CITIC; Javier Garrido, responsable de Transferencia e Innovación; e Cristina Villar e Marta Trueba, da área de Proxectos Internacionais do centro. Pola parte investigadora do CITIC, á reunión acudiron Amparo Alonso e Luis Castedo.
No CITIC leváronse a cabo diversas reunións técnicas ao longo de toda a mañá, vinculadas a posibles alianzas no ámbito da aplicación de técnicas de manexo e transferencia de grandes masas de datos en distintos sectores produtivos, e da repercusión da xestión de datos no cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS). Ao finalizar a reunión, fixeron un percorrido polas instalacións do CITIC.