O CiTIUS, epicentro global dunha escola internacional pioneira en teledetección
14 de Febreiro de 2024

O Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS), que pertence á Rede CIGUS, unha iniciativa promovida pola Xunta de Galicia que aglutina os centros do sistema que acreditaron a súa excelencia científica, acollerá en xuño de 2024 unha prestixiosa escola de verán internacional do IEEE, na que participarán socios clave, como as axencias espaciais de Europa e dos Estados Unidos (ESA – NASA).
O CiTIUS traerá á cidade este evento baixo a supervisión da investigadora Dora Blanco, no que ata 30 estudantes de diversos recantos do mundo se reunirán para explorar as últimas innovacións en tecnoloxías de computación aplicadas á observación terrestre.
Esta escola é o lugar perfecto para establecer contactos con estudantes e mozos profesionais deste ámbito, así como con investigadores e profesores sénior que son hoxe en día líderes de sona mundial no campo da teledetección, e traballan en investigación interdisciplinaria con computación de alto rendemento, computación na nube, computación cuántica e modelos de programación paralela con tecnoloxías de hardware especializadas.
A escola HDCRS promete ser unha experiencia enriquecedora, que dotará o estudantado dos coñecementos e habilidades necesarios para aproveitar as tecnoloxías máis avanzadas en aplicacións de teledetección. Trátase dunha escola gratuíta, con oportunidades de bolsas para a viaxe. A organización ofrece arredor de 10 bolsas de viaxe de 800 $ cada unha para apoiar os participantes. O prazo de presentación de solicitudes para concorrer a estas axudas expira o 20 de febreiro de 2024.