O CiTIUS leva a cabo este sábado a sexta edición da Xornada de Portas Abertas Ciencia Singular
19 de Maio de 2023

O CITIUS, que forma parte da Rede CIGUS, a cal integra aqueles centros cunha calidade e un impacto da súa investigación que foron acreditados pola Xunta de Galicia, participará un ano máis en Ciencia Singular, un dos eventos máis esperados do ano polos santiagueses. A Rede de Centros Singulares de Investigación da Universidade de Santiago de Compostela (USC) volverá abrir as súas portas o próximo sábado 19 de novembro nunha xornada moi especial que achegará o público á investigación punteira que se desenvolve nos centros da Rede, así como aos retos conseguidos e aos que están por alcanzar. A ciencia é asunto de todos e Singular Science é unha oportunidade estupenda para reivindicala ao grande. Un evento que por sexto ano consecutivo implica a sociedade para dar a coñecer os últimos avances en química, física, medicina molecular ou tecnoloxías intelixentes, e onde se xera un espazo de reflexión colectiva sobre a ciencia que, sobre todo, permite tamén pasar un día divertido en familia.
O Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS) mantén o seu compromiso de aliñar os demostradores da xornada cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) e, ao longo do día, acollerá diferentes conferencias e visitas guiadas con temas tan variados como o uso de tecnoloxías big data para a detección de desinformación médica ou a exploración interactiva de grandes volumes de datos de observación ambiental. A visita permitiralles aos máis pequenos achegarse ás tecnoloxías intelixentes, dándolles a oportunidade de vivir experiencias como conducir un brazo robótico, xogar unha partida de Scalextric con coches equipados con intelixencia artificial que aprenden de forma autónoma ou descubrir como funcionan os pequenos humanoides. Mentres tanto, os adultos tamén poderán experimentar nun contorno de realidade virtual o que é volver imaxinarse a si mesmos, os demais e o mundo microscópico que nos rodea.
As actividade deste evento, financiado pola Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, desenvolveranse durante toda a xornada do sábado. Para participar nelas será imprescindible inscribirse previamente na web do evento.
Os centros organizadores desta iniciativa (CITIUS, CIMUS, CIQUS e IGFAE) forman parte da Rede CIGUS e están acreditados e financiados pola Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades a través do Programa de axudas para a acreditación, estruturación e mellora de centros de investigación do Sistema Universitario de Galicia (SUG), cofinanciado a través de FEDER (Programa operativo Feder Galicia 2014-2020).