O CiTIUS organiza a ECAI 2024 que converterá a Santiago de Compostela na capital da elite mundial da intelixencia artificial

17 de Outubro de 2024

O CiTIUS organiza a ECAI 2024 que converterá a Santiago de Compostela na capital da elite mundial da intelixencia artificial

O CiTIUS, centro que pertence á Rede CIGUS, unha iniciativa promovida pola Xunta de Galicia que aglutina os centros do sistema que acreditaron a súa excelencia científica, organiza a European Conference on Artificial Intelligence (ECAI 2024), que se realiza do 19 ao 24 de outubro en Santiago de Compostela. Reunirá a máis de 1600 congresistas que representan a elite mundial en investigación da intelixencia artificial para abordar os últimos avances en investigación neste campo, así como os desafíos fundamentais que deberá afrontar a IA nos próximos anos desde ámbitos como a regulación, o compromiso ético, o impacto económico ou as achegas para resolver os principais problemas da humanidade.

A conferencia, auspiciada pola Asociación Europea de Intelixencia artificial (EurAI) e a Sociedade Española de Intelixencia Artificial (AEPIA), inclúe un amplo programa coa presentación dos últimos resultados científicos, conferencias, paneis de debate, talleres e demostracións para poñer en valor a achega da IA ao desenvolvemento da sociedade.

ECAI 2024, que ten o lema «Celebrando o pasado. Inspirando o futuro», supón a conmemoración do 50.º aniversario da primeira conferencia europea sobre IA levada a cabo en Brighton en 1974. «Trátase de recoñecer un esforzo de décadas de investigación en intelixencia artificial ao que Europa contribuíu de forma moi importante e, sobre todo, a través do esforzo público, algo que foi indispensable para chegar onde estamos agora, cun impacto crecente que xa afecta a todas as ordes da nosa vida persoal e profesional», segundo explicou Senén Varro, director do CiTIUS e presidente do comité organizador.

Logo da inauguración oficial, que estará presidida polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda, a profesora Iryna Gurevych (Universidade Técnica de Darmstadt, Alemaña) pronunciará unha conferencia sobre a verificación de feitos no mundo real con modelos lingüísticos de gran tamaño.

Pola súa banda, a investigadora Iolanda Leite (Instituto Real de Tecnoloxía KTH, Suecia), presentará unha investigación sobre como os sistemas robóticos intelixentes aprenden con precisión as intencións humanas, informados polo coñecemento humano, e como abordan o desafío de depender excesivamente da retroalimentación humana.

ECAI 2024 tamén prestará especial atención ao impacto económico da IA e ás súas ameazas e oportunidades, a través de múltiples formatos. Nun dos paneis, Jeremy Rollison, director de EU Government Affairs, Microsoft Corporation; David H. Autor, catedrático do Departamento de Economía do MIT, e Raquel Jorge, investigadora do Real Instituto Elcano, abordarán o «impacto actual e esperado da IA na economía global, ata onde se pode predicir, algo cunhas estimacións que cambian case a diario pola evolución acelerada da IA».

ECAI 2024 abordará tamén a regulación da IA e unha retrospectiva sobre os 50 anos de historia da IA en Europa. Ademais do debate científico, ECAI 2024 inclúe entre as súas actividades 44 demostracións de proxectos innovadores desde o 21 ao 23 de outubro no Palacio de Congresos de Santiago, sede da conferencia. Así, presentaranse un sistema capaz de mostrar emocións para mellorar a empatía, robots que poden tomar decisións críticas en tempo real ou como defenderse de sistemas de IA deseñados para manipular o comportamento humano.

ECAI 2024 suporá un evento de récord, tanto polo número de relatorios presentados, que supera o medio milleiro, coma polo número de asistentes e relevancia dos seus contidos. Sen dúbida, todo iso fará de Santiago de Compostela a capital mundial da intelixencia artificial durante a semana do 19 ao 24 de outubro.

Subir ao principio Subir ao principio