O CiTIUS participa no ROBOTA-SUDOE, onde conflúen robótica, dixitalización e automatización
8 de Agosto de 2024

Juan Antonio Corrales e Saltanat Seitzhan, investigadores do CiTIUS, centro que pertence á Rede CIGUS, unha iniciativa promovida pola Xunta de Galicia que aglutina os centros do sistema que acreditaron a súa excelencia científica, participaron recentemente na reunión de lanzamento do proxecto ROBOTA-SUDOE. O encontro, que tivo lugar na sede do CENTIMFE en Portugal, marcou o inicio dunha iniciativa pioneira destinada a modernizar os sectores económicos da área do suroeste de Europa (SUDOE), centrándose especialmente na industria agroalimentaria e nos plásticos. Un novo e significativo reto de investigación que contará coa participación do CiTIUS.
O obxectivo principal do proxecto ROBOTA-SUDOE é mellorar a competitividade e o crecemento das pequenas e medianas empresas (pemes) a través de solucións colaborativas innovadoras, mediante a integración da robótica, da dixitalización e da automatización. Coa experiencia colectiva e a cooperación de todos os socios, o proxecto ten como obxectivo crear avances tecnolóxicos significativos que beneficiarán a diversas industrias. Estas solucións están deseñadas para abordar os desafíos locais e promover a sustentabilidade ambiental: aproveitando técnicas avanzadas de IA e tecnoloxías de vangarda, o proxecto busca levar a innovación aos territorios tradicionalmente artesanais e menos desenvoltos, mellorando así a calidade de vida e facendo máis atractivo e viable o espazo SUDOE, especialmente as súas zonas rurais.
Juan Antonio Corrales, investigador responsable do proxecto no CiTIUS, destacou a importancia desta nova posta en común, afirmando que «o proxecto ROBOTA-SUDOE representa un paso crucial cara á innovación tecnolóxica en rexións tradicionalmente desatendidas: ao aproveitar a IA avanzada e a robótica colaborativa, o noso obxectivo non só é impulsar a competitividade das pemes, senón tamén mellorar a calidade de vida nas zonas rurais». En canto ao papel que xogará a Universidade de Santiago de Compostela, Corrales explica que «o CiTIUS contribuirá ao desenvolvemento e implementación de novas aplicacións robóticas».
O proxecto prevé a creación dunha rede sólida para o intercambio de coñecementos e a transferencia de tecnoloxía ás pemes. «A cooperación transnacional é un elemento clave de ROBOTA-SUDOE, xa que os sectores e retos abordados son comúns a través das fronteiras», sinalan desde o proxecto. «Os diversos coñecementos e habilidades das entidades participantes son complementarios, o que garante que os esforzos conxuntos conduzan a solucións máis efectivas e innovadoras», conclúen estas fontes. Entre os resultados esperados atópase a creación de robots colaborativos para diversas aplicacións, como o corte de carne, o empaquetado de froitas e a ensamblaxe de bonecas. Ademais, o proxecto planea establecer tres «laboratorios viventes» para mostrar e promover estas solucións en diferentes sectores e pemes da rexión.