O CiTIUS presenta tres propostas no IEEE Cluster 2025, foro de referencia en Computación de Altas Prestacións (HPC)

23 de Setembro de 2025

O CiTIUS presenta tres propostas no IEEE Cluster 2025, foro de referencia en Computación de Altas Prestacións (HPC)

Persoal investigador do CiTIUS, centro adscrito á Universidade de Santiago de Compostela e pertencente á rede CIGUS —unha iniciativa promovida pola Xunta de Galicia que agrupa os centros do sistema que teñen acreditada a súa excelencia científica— participa na 27ª edición do IEEE Cluster, un dos principais foros internacionais no ámbito da Computación de Altas Prestacións (HPC, polas súas siglas en inglés), celebrado en Edimburgo.

Este foro reúne a especialistas de universidades, centros de investigación e da industria para debater sobre os avances máis recentes nas arquitecturas de computación dos sistemas clúster, é dicir, conxuntos de ordenadores interconectados que operan de forma coordinada como se fosen unha única máquina, multiplicando así a súa capacidade de cálculo.

Nun contexto no que a computación cuántica representa un dos grandes retos tecnolóxicos da nosa época, e no que a programación heteroxénea portable apunta a un futuro prometedor no ámbito HPC, o equipo do CiTIUS presentou tres novas contribucións científicas co obxectivo de facilitar o desenvolvemento de solucións heteroxéneas e cuánticas de nova xeración.

A primeira delas foi presentada pola investigadora Silvia Rodríguez Alcaraz, en colaboración con Francisco F. Rivera (CiTIUS), David L. Vilariño (USC) e Rubén Laso (Universidade de Viena). Trátase dun traballo centrado na avaliación do rendemento de solucións heteroxéneas portables en sistemas que combinan procesadores convencionais (CPU) con unidades de procesamento gráfico (GPU).

Pola súa parte, o investigador Francisco Javier Cardama presentou en Edimburgo os resultados de dous traballos desenvolvidos en colaboración cos investigadores Tomás Fernández Pena (CiTIUS) e Miguel Leal (USC). O primeiro deles é NetQMPI, unha biblioteca en Python para programar sistemas cuánticos distribuídos, inspirada en MPI (Message Passing Interface), un estándar da supercomputación que permite a coordinación entre procesadores a través do envío e recepción de mensaxes.

A terceira das propostas presentadas foi SYCL QPU, un marco de traballo que permite que procesadores clásicos e unidades cuánticas simuladas colaboren nun mesmo programa de forma unificada.

Estas achegas científicas confirman o compromiso e esforzo do CiTIUS por anticiparse aos grandes desafíos tecnolóxicos do futuro, nun campo en constante evolución no que a fronteira entre a investigación básica e a aplicación práctica é cada vez máis difusa. Traballos como os presentados no IEEE Cluster 2025 contribúen a establecer as bases dunha nova xeración de solucións capaces de integrar de forma eficiente a computación clásica, heteroxénea e cuántica, achegando estas tecnoloxías emerxentes a aplicacións reais que beneficien á ciencia e á sociedade.

Subir ao principio Subir ao principio