O CRETUS participará con talleres de ciencia na G-Night
19 de Setembro de 2024

O CRETUS, centro que pertence á Rede CIGUS, unha iniciativa promovida pola Xunta de Galicia que aglutina os centros do sistema que acreditaron a súa excelencia científica, participará un ano máis na iniciativa de divulgación científica «A Noite Galega dos Investigadores, Noite G», levando catro talleres demostrativos ao claustro de Fonseca de Santiago de Compostela. A cita é o venres 27 de setembro.
O primeiro dos talleres será «Arqueoloxía e antropoloxía ambiental en CRETUS». As investigadoras Olalla López, Ailém Paladea e Aránzazu Fernández traerán materiais e actividades breves relacionadas coa arqueoloxía que axudarán a exemplificar o traballo que se realiza nesta unidade para estudar a relación entre o ser humano e o medio ambiente a longas escalas temporais. Os asistentes poderán ver ósos arqueolóxicos, como é unha cremación e mesmo aprender a ler textos medievais de temática ambiental.
O segundo taller é «Adaptación de plantas e liques á tensión ambiental». Nel, os posdoutorandos Zulema Vázquez e Jonatan Rodríguez mostrarán como moitos organismos sésiles, como plantas e liques, teñen diferentes estratexias para lles facer fronte ás presións ambientais. Nesta actividade coñeceremos diferentes aspectos funcionais de plantas e liques que nos permiten identificar posibles variacións e respostas ligadas aos cambios ambientais.
«Cálculo da pegada de carbono e hídrica dos alimentos» é a terceira actividade. A través do xogo didáctico «Come saudable, come sostible», os investigadores Sofía Estévez e José Luis Ares ensinarán ós participantes a avaliar o impacto ambiental derivado das súas dietas de consumo diario de alimentos. O xogo permítenos tomar conciencia da importancia das nosas accións para o coidado da nosa saúde, a protección do medio ambiente e o desenvolvemento sostible.
Na última actividade, «Valores en xogo», os investigadores Javier Seijo, Antía Campos e Benjamín Dudoudet dirixirán un xogo interactivo no que os asistentes poderán participar de forma individual ou en equipos para avaliar a importancia económica e ambiental dos ecosistemas. Un xogo no que haberá que ter en conta varios factores para conseguir un bo equilibrio e tipo de material.