O director científico do CiQUS, José Luis Mascareñas, ingresa como académico numerario da Real Academia Galega de Ciencias

19 de Maio de 2023

O director científico do CiQUS, José Luis Mascareñas, ingresa como académico numerario da Real Academia Galega de Ciencias

O director científico do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS), o profesor José Luis Mascareñas, é académico numerario da Sección de Química e Xeoloxía da Real Academia Galega de Ciencias (RAGC). A cerimonia tivo lugar no pazo de San Roque, onde o director científico do centro, que conta co selo CIGUS, pronunciou o seu discurso de ingreso, titulado «Ciencia, catálise e vida», que foi contestado en nome da RAGC polo académico Franco Fernández González.

O presidente da RAGC, Juan Lema, deulle a benvida ao novo académico, ao que se referiu como «un profesor e investigador brillante». Tamén destacou o seu interese pola obtención e caracterización de compostos bioactivos, a busca de novos coñecementos para aplicalos á resolución de problemas reais e unha moi intensa relación internacional. «Tras doutorarse, ampliou o seu perfil científico na prestixiosa Universidade de Stanford e posteriormente no Instituto Tecnolóxico de Massachusetts, Harvard e Cambridge, unha declaración de intencións ben significativa do seu interese en buscar alianzas de máximo nivel internacional», destacou Juan Lema. Tamén incidiu nas «relevantes técnicas de síntese» desenvolvidas polo homenaxeado co obxectivo de obter compostos bioactivos de utilidade farmacolóxica. Nesta liña, sinalou que Mascareñas é autor de nove patentes, «un sinal moi claro da orientación do seu traballo».

Propósitos e finalidades da investigación

No seu discurso, o profesor Mascareñas destacou que «o obxectivo fundamental da investigación científica debe ser a creación de coñecemento novo, incluso por encima das propias aplicacións. A investigación dirixida a resolver problemas socioeconómicos urxentes ou circunstanciais é moi importante e necesaria, pero non pode facerse ao prezo de reducir o esforzo en ciencia básica, que é a que, a medio prazo, adoita xerar resultados cun impacto máis transformador para as nosas vidas». Nesta liña, indicou que o seu campo de traballo, a química, «está repleta de exemplos que demostran como as investigacións ligadas á curiosidade e ao simple interese por expandir a fronteira do coñecemento teñen unha influencia decisiva sobre o noso benestar. É o caso do achado da penicilina, que inaugurou a era dos antibióticos; ou os dous primeiros métodos moleculares de fragmentación do ADN descubertos na década dos sesenta, que logo permitirían os avances na secuenciación xenética e, a longo prazo, o xurdimento da medicina personalizada».

Tal como subliñou o novo académico, «unha das áreas da química onde se produciron máis avances de tipo fundamental nas últimas décadas é no desenvolvemento de catalizadores, substancias que, como os encimas, favorecen determinadas transformacións químicas, sen esgotarse no proceso. Cabe recordar que os encimas son biomoléculas responsables de promover as reaccións químicas que ocorren dentro das nosas células. Algúns destes catalizadores “non naturais” tiveron unha repercusión moi directa no noso progreso e benestar, posibilitando, por exemplo, a preparación de medicamentos ou fertilizantes agrícolas, ou a creación de novos materiais e tecnoloxías, entre outras moitas aplicacións».

O profesor Mascareñas destacou que «hai uns anos, no seo do noso grupo de investigación, preguntámonos se algún destes catalizadores artificiais podería funcionar no mesmo lugar onde actúan os encimas, é dicir, dentro das células e dos organismos vivos. Motivados pola curiosidade e o desexo de explicar esta interface entre catálise artificial e vida, descubrimos que certos catalizadores metálicos —de paladio, de rutenio e algúns outros— conseguen promover reaccións químicas programadas no interior das células vivas. A pesar de que estes descubrimentos están aínda na súa infancia e deben enmarcarse no campo da ciencia fundamental, é ben posible que poidan ter aplicacións en biomedicina, especialmente de cara ao desenvolvemento de novas terapias baseadas na activación selectiva de fármacos».

O valor da ciencia

O académico Franco Fernández respondeu á disertación do novo membro da RAGC destacando o valor da ciencia básica, área na que traballa o profesor Mascareñas, fronte á ciencia aplicada. «É unha dicotomía un tanto artificial e certamente perigosa. Ambas son absolutamente necesarias. Así, moitos dos achados que na súa orixe foron casuais, no contexto de investigacións motivadas pola mera curiosidade de expandir o coñecemento na física, a química ou a bioloxía, acabaron sendo unha peza fundamental para o desenvolvemento de utilidades técnicas que hoxe en día nos parecen tan desexables como imprescindibles, como as probas PCR, os raios X, a luz láser, o GPS, os antibióticos ou a secuenciación xenómica, ente outras moitas». O académico concluíu a súa intervención manifestando que «os coñecementos científicos que xeramos hoxe nos axudarán a resolver problemas vitais que se nos presentarán mañá». Ao acto no pazo de San Roque asistiron numerosos académicos, así como a subdirectora xeral de Promoción Científica e Tecnolóxica Universitaria da Xunta de Galicia, María Jesús Tallón; Iria Carreira, do Grupo Parlamentario do BNG; o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López; o vicerreitor de Política Científica da USC, Vicente Pérez Muñuzuri; o presidente da Real Academia de Farmacia de Galicia, Ángel Concheiro; e a alcaldesa do Concello de Allariz, Cristina Cid; xunto a diversos representantes de institucións políticas, culturais e académicas galegas.

Subir ao principio Subir ao principio