O encontro ‘Peregrinando’ organizado polo IGFAE achega a Santiago as oportunidades internacionais en investigación en matemáticas e física

22 de Decembro de 2024

O encontro ‘Peregrinando’ organizado polo IGFAE achega a Santiago as oportunidades internacionais en investigación en matemáticas e física

O Auditorio FEUGA, no Campus Sur da USC, acolleu o venres 20 de decembro o encontro “Peregrinando: traxectorias internacionais nas matemáticas e na física”, organizado por CITMAga (Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia) e IFGAE (Instituto Galego de Física de Altas Enerxías), este último pertencente á Rede CIGUS, unha iniciativa promovida pola Xunta de Galicia que agrupa os centros do sistema que acreditaron a súa excelencia científica. Esta xornada reuniu a oito poñentes de ambas disciplinas, que ou ben están a desenvolver a súa carreira investigadora no estranxeiro ou o fixeron durante algunha etapa, para dar a coñecer deste xeito as perspectivas de desenvolvemento profesional que existen fóra.

“Peregrinando” está especialmente dirixido a estudantes de Matemáticas e/ou Física que estén nas primeiras etapas da súa carreira investigadora ou ben contemplando esta opción. Ademais das charlas, a xornada permitiu poñer en contacto a persoal novo con perfís máis avanzados da carreira científica, co obxectivo de fomentar conexións e colaboracións profesionais.

A xornada comezou cunha benvida institucional por parte da vicerreitora de Política Científica da USC, Pilar Bermejo, a directora científica do CITMAga, Rosa Crujeiras, e o director do IGFAE, Carlos Salgado. A continuación, oito poñentes compartiron as súas experiencias e liñas de investigación, facendo fincapé en como a internacionalización influíu nas súas carreiras: María Alonso (profesora axudante na USC), Riccardo Borsato (investigador Ramón e Cajal no IGFAE), Gonzalo Cao (profesor axudante no Instituto Courant da Universidade de Nova York), Patricia Guerra (estudante de doutoramento no Instituto de Tecnoloxía de Karlsruhe), David Peinador (Data Scientist en Faculty AI), Ana Peón (profesora na USC), Gabriel Rodríguez (estudante de doutoramento na Universidade Técnica de Dresde) e María Vieites (investigadora Ramón e Cajal no IGFAE).

Subir ao principio Subir ao principio