O grupo de investigación do CIMUS liderado por María José Alonso participa no Consorcio ONCOLIBERIX para o desenvolvemento de fármacos oncolóxicos de orixe mariña

6 de Decembro de 2022

Hoxe en día, o cancro é a segunda causa de morte nos países occidentais desenvolvidos. A pesar dos notables avances no esclarecemento dos mecanismos biolóxicos subxacentes a esta enfermidade e dos novos enfoques terapéuticos, a preocupación polos efectos secundarios que provocan estes fármacos está impulsando a investigación de réximes e formulacións terapéuticas máis selectivas e eficaces.

Por iso, o Grupo de Investigación do CIMUS liderado por María José Alonso no Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) da Universidad de Santiago de Compostela (USC)(link is external), e que forma parte da Rede CIGUS, participará no Consorcio ONCOLIBERYX, liderado por PharmaMar(link is external), e que integra catro grupos punteiros en España nos campos da nanotecnoloxía e da oncoloxía. O proxecto busca desenvolver formulacións únicas que poidan dar lugar a novas terapias oncolóxicas baseadas nos compostos mariños da colección PharmaMar.

Formulacións, métodos e coordinación

ONCOLIBERYX céntrase na busca de novas estratexias de administración de fármacos co fin de aumentar a especificidade dos compostos activos oncolóxicos, diminuíndo a súa toxicidade e efectos secundarios, ao tempo que se manteñen e/ou se aumentan os seus efectos terapéuticos.

Para iso, conta coa experiencia e o coñecemento de reputados investigadores españois no campo dos novos sistemas de liberación de fármacos, inmunoterapia e cancro, como son os profesores María José Alonso (catedrática de Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica da Universidade de Santiago de Compostela), María Blanco (Universidade de Navarra), Ignacio Melero (Centro de Investigación Médica Aplicada da Universidade de Navarra) e José Luis Pedraz (Universidade do País Vasco).

Pilar Calvo, Ph.D., coordinadora técnica do proxecto, destaca que «nos últimos 20 anos, os nanotransportadores de fármacos (liposomas, nanopartículas lipídicas e poliméricas, micelas, conxugados anticorpo-fármaco etc.) demostraron notables vantaxes para afrontar estes retos. Sen dúbida, a investigación resultante froito da colaboración de PharmaMar con estes innovadores grupos de investigación suporá un avance na busca de fármacos máis eficaces e seguros».

María José Alonso, responsable do grupo de traballo integrado no CIMUS, que forma parte de Rede CIGUS, a cal integra aqueles centros cunha calidade e un impacto da súa investigación foron acreditados pola Xunta de Galicia,lidera un laboratorio que conta con 20 persoas cun foco importante no desenvolvemento de terapias oncolóxicas baseadas no uso da nanotecnoloxía, ademais é promotora da spin-off Libera Bio, orientada á medicina de precisión en oncoloxía. A profesora Alonso destaca que «é moi grato iniciar este novo reto coa empresa PharmaMar coa que viñemos colaborando durante décadas. Sen dúbida, a investigación resultante froito da colaboración de PharmaMar suporá un avance na busca de fármacos máis eficaces e seguros».

Subir ao principio Subir ao principio