O grupo MetBioCat do CiQUS, galardoado nos premios GCiencia Galicia Spin-Off
27 de Outubro de 2025
MetBioCat, o grupo do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS), adscrito á Universidade de Santiago e pertencente á rede CIGUS, foi recoñecido co premio GCiencia Galicia Spin-Off.
Liderado polo investigador Oportunius e exdirector do centro, José Luis Mascareñas, MetBioCat vén de ser elixido como Grupo de Investigación gañador na novena edición destes galardóns. O xurado destacou a traxectoria do equipo, que leva captado preto de catro millóns de euros en financiamento e rexistrado 26 patentes.
MetBioCat centra o seu traballo no desenvolvemento de tecnoloxías catalíticas e sintéticas, así como de ferramentas moleculares destinadas a abordar desafíos de índole biolóxica e médica. Recentemente, obtivo unha axuda EIC Transition do European Innovation Council, dotada con 2,5 millóns de euros, para desenvolver un complexo de rutenio capaz de atacar o metabolismo das células nai do cancro. Neste proxecto, iniciado en 2025, o grupo compostelán colabora con outros dous equipos de investigación de España e Portugal e con dúas empresas, co compromiso de crear unha spin-off.
Os premios GCiencia Galicia Spin-Off distinguen as empresas e grupos de investigación máis innovadores, destacando o seu uso da ciencia para desenvolver produtos e servizos. Creáronse en 2015 co obxectivo de recoñecer a investigación universitaria e promover a transparencia. Están convocados por GCiencia e contan co apoio da Secretaría Xeral de Universidades, Unirisco e Gadis.
Nesta edición tamén foron recoñecidas dúas empresas de base tecnolóxica nacidas da USC: AMS-Lab, na categoría de Selo de Calidade, saída do campus de Lugo; e Ventilatio Lab, na categoría de Idea Emerxente, creada no campus compostelán. Todos eles recibirán os galardóns o vindeiro 7 de novembro.