O grupo NeurObesity do CiMUS recibe o premio á Transferencia de Tecnoloxía de Galicia 2025
27 de Xuño de 2025
O grupo de investigación NeurObesity do CiMUS, centro adscrito á Universidade de Santiago e membro da rede CIGUS —unha iniciativa promovida pola Xunta de Galicia que agrupa os centros do sistema que teñen acreditada a súa excelencia científica— acaba de gañar o Premio á Transferencia de Tecnoloxía en Galicia 2025, outorgado pola Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), coa colaboración da Axencia Galega de Innovación.
O grupo, liderado polo investigador Oportunius Miguel López, referente mundial en obesidade e neurociencia metabólica, recibiu o Premio Fernando Calvet Prats, que recoñece un caso de éxito na transferencia de tecnoloxía a unha empresa, pola súa prometedora terapia contra a obesidade.
O equipo do CiMUS transferiu a súa tecnoloxía á spin-off da USC, Gazella Biotech, centrada no desenvolvemento de terapias avanzadas para tratar enfermidades metabólicas.
Trátase dunha terapia innovadora baseada no desenvolvemento de vesículas extracelulares pequenas que modulan o equilibrio enerxético, amosando resultados prometedores en ensaios preclínicos, mellorando os índices de obesidade e metabolismo en ratos sen efectos adversos.
Publicada en revistas de alto impacto como Nature Metabolism e Metabolism, e protexida por patentes, esta terapia representa un cambio de paradigma na medicina de precisión, cun potencial impacto non só na obesidade, senón tamén en enfermidades neurolóxicas e cardiovasculares.