O IFGAE conclúe con éxito a última edición das bolsas de verán para estudantado universitario

1 de Setembro de 2023

O IFGAE conclúe con éxito a última edición das bolsas de verán para estudantado universitario

Unha decena de estudantes universitarios gozaron das bolsas de verán do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE). Desde 2019, este centro, que pertence á Rede CIGUS, unha iniciativa promovida pola Xunta de Galicia que aglutina os centros do sistema que acreditaron a súa excelencia científica, convoca anualmente estas axudas para que o estudantado se incorporen durante un mes ao traballo diario dos proxectos científicos do IGFAE, ampliando os seus coñecementos e entrando en contacto co mundo da investigación.

Este ano, mozos como Gonzalo, Carlota, Juan, Iván e Adrián uníronse á actividade científica do IGFAE durante o mes de xullo, apoiados e supervisados por persoal investigador do centro. Carlota, unha das beneficiarias, destacou que esta experiencia lle axudou a ver «como o aprendido na carreira ten un propósito, unha utilidade que vai máis aló de simples problemas hipotéticos e de modelos que sempre se nos ensinaron».

Pola súa banda, Gonzalo, outro dos participantes no programa de bolsas, explicou que «esta experiencia me axudou moito para coñecer desde dentro o traballo que se leva a cabo neste mundo e preguntarme se me gustaría dedicarme a iso. Aprendín moitísimas cousas, especialmente sobre física de partículas, detectores e o uso da librería de Python “PyROOT” para levar a cabo a análise dos datos».

Nos últimos anos, arredor de 40 mozos tiveron a oportunidade de participar neste programa de formación. Nalgúns casos, esta experiencia supuxo o primeiro paso dunha carreira investigadora que continúa hoxe no propio instituto, onde desenvolven a súa tese de doutoramento. Ademais, os beneficiarios das bolsas de verán tamén tiveron a oportunidade de participar, entre outras iniciativas, na reunión anual do IGFAE.

Subir ao principio Subir ao principio