O IGFAE abre o seu programa de bolsas de verán 

12 de Xuño de 2026

O IGFAE abre o seu programa de bolsas de verán 

O Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), centro mixto da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e da Xunta de Galicia, pertencente á rede CIGUS —unha iniciativa promovida pola Xunta de Galicia que agrupa os centros do sistema que acreditaron a excelencia científica— abriu unha nova convocatoria do seu programa de bolsas de verán para o ano 2026. 

O programa está dirixido a estudantes de grao de currículum excelence calquera parte do mundo, co obxectivo de facilitar o seu primeiro contacto coa investigación a través de prácticas extracurriculares vinculadas a proxectos científicos desenvolvidos no centro. 

As persoas seleccionadas integraranse na actividade diaria do IGFAE, participando en proxectos de investigación en áreas como a física de partículas, astropartículas, a física nuclear ou a ciencia e tecnoloxía cuánticas. Así mesmo, o programa contempla a posibilidade de incorporarse a ámbitos non estritamente científicos, como xestión, comunicación ou divulgación. 

A convocatoria prevé un mínimo de seis prazas. Cinco delas están reservadas para estudantes de ámbitos científico-técnicos como Física, Enxeñaría, Matemáticas ou Química, mentres que unha se destina a perfís doutras disciplinas, co obxectivo de favorecer a diversidade de perfís dentro do programa. 

As estancias terán unha duración dun mes, preferentemente entre o 1 e o 31 de xullo de 2026, cunha dedicación de 30 horas semanais. O horario acordarase co equipo investigador responsable de cada proxecto. 

Para optar a estas bolsas, é necesario estar a cursar un dos dous últimos anos de grao e ter superado polo menos o 55 % dos créditos da titulación, cunha nota media igual ou superior a 8 sobre 10. O proceso de selección valorará principalmente o expediente académico, xunto co currículo e a carta de motivación presentada polas persoas candidatas. 

A axuda económica asociada ás bolsas será de 800 euros brutos, aos que se lles aplicarán as retencións correspondentes. O programa inclúe ademais aloxamento en residencia universitaria e contempla axudas de desprazamento, ata 80 € para alumnado de Galicia, 500 € para o resto de España e 2.000 € para estudantes internacionais, previa xustificación. 

O prazo de solicitude abrirase o 10 de xuño de 2026 e permanecerá aberto ata o 16 de xuño ás 23:59 (CEST). 

Subir ao principio Subir ao principio