O IGFAE acolle a 52ª edición do International Meeting on Fundamental Physics
14 de Outubro de 2025
A sede do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), centro mixto da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e da Xunta de Galicia, pertencente á rede CIGUS —unha iniciativa promovida pola Xunta de Galicia que agrupa os centros do sistema que acreditaron a excelencia científica—, acolleu este mes de outubro a principal reunión da comunidade española de física de partículas.
Celebrada do martes 7 ao venres 10 de outubro, a 52ª edición do International Meeting on Fundamental Physics reuniu máis dun cento de membros da comunidade internacional da física de partículas. É a terceira vez en medio século que Galicia acolle este encontro científico de referencia, o máis lonxevo en España nesta disciplina.
A actualización en marcha da Estratexia Europea de Física de Partículas (ESPP) fai que este simposio teña lugar nun momento clave para a disciplina. Esta estratexia será a guía para as próximas décadas neste eido de investigación, cun camiño marcado especialmente polo proxecto de construción dun novo acelerador no CERN. Por este motivo, o primeiro día do simposio en Santiago centrouse nas conclusións da reunión sobre a ESPP celebrada no mes de xuño en Venecia, con especial acento no papel que xogará nela a comunidade científica española.
Durante as xornadas seguintes tiveron lugar máis de vinte conferencias impartidas por persoal investigador procedente de institucións de diversos países, como o Reino Unido, Alemaña, Francia, Portugal, os Países Baixos, Suíza, Bélxica, Eslovenia, Italia ou Canadá, xunto a membros dos principais centros de investigación españois neste ámbito.
En declaracións ao IGFAE, Paula Álvarez Cartelle e Xabier Cid, investigadores do centro e coordinadores do comité organizador local, sinalan: “Trátase dunha estupenda oportunidade para situar o noso instituto como elemento central na física de partículas en España”. Xunto a eles, formaban este comité organizador os investigadores Jaime Álvarez, Néstor Armesto, Juan Calderón, Elena González e José Ángel Hernando, tamén membros do IGFAE.
“O alto nivel das persoas conferenciantes e o amplo abano de temas que abrangue a reunión fan deste congreso un dos eventos máis importantes que celebramos nos últimos anos no IGFAE. Temos, ademais, a ocasión especial de empregar por primeira vez a nova sede para organizar un evento destas características”, engaden Paula Álvarez e Xabier Cid.