O IGFAE acolle a conferencia «Data Science in Fundamental Physics and the bridge to industry & society»

10 de Abril de 2024

O encontro pretende fomentar o diálogo entre o ámbito académico e a industria, así como visibilizar oportunidades profesionais para as persoas interesadas na ciencia de datos e nas súas aplicacións á sociedade e ao campo empresarial

O IGFAE acolle a conferencia «Data Science in Fundamental Physics and the bridge to industry & society»

O Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), centro mixto da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e da Xunta de Galicia, que pertence á Rede CIGUS, unha iniciativa promovida pola Xunta de Galicia que aglutina os centros do sistema que acreditaron a súa excelencia científica, será o anfitrión, do 3 ao 7 de xuño, da conferencia «Data Science in Fundamental Physics and the bridge to industry & society».


O encontro pretende fomentar o diálogo entre o ámbito académico e a industria, así como visibilizar oportunidades profesionais para as persoas interesadas na ciencia de datos e nas súas aplicacións á sociedade e ao campo empresarial. O encontro ten lugar por primeira vez en Santiago de Compostela, despois de tres edicións en Portugal, nas cidades de Lisboa, Braga e Coímbra.
O evento, que terá lugar no Centro de Estudos Avanzados (CEA) da USC, no parque de Vista Alegre, consta de dúas partes: do 3 ao 5 de xuño desenvolverase un curso intensivo sobre probabilidade, estatística e Machine Learning, enfocado en estudantes de doutoramento e persoal investigador posdoutoramento. As sesións estarán dirixidas por Glen Cowan (profesor de Física no Royal Holloway de Londres) e Pietro Vischia (investigador da Universidade de Oviedo e do ICTEA).


Ciencia de datos, un sector en notable crecemento


Miles de empresas de todo o planeta buscan actualmente persoal especializado en ciencia de datos, un dos perfís máis demandados do mercado laboral: desde os xigantes das aplicacións sociais ata as empresas de venda retallista, pasando por compañías farmacéuticas, de consultoría ou telecomunicacións. O obxectivo desta disciplina é analizar enormes conxuntos de datos que se producen de forma continua, para encontrar correlacións, relacións causais e padróns cos que construír hipóteses, asignar significados ou avaliar a eficiencia de algoritmos.


Neste marco, o simposio organizado polo IGFAE pretende, por unha parte, mellorar a formación en ciencia de datos do persoal investigador que se encontra nas primeiras etapas da súa carreira e, ao mesmo tempo, ofrece a oportunidade de establecer contacto directo co mercado laboral e, en xeral, coas necesidades da sociedade nesta materia. Ademais, o IGFAE tamén lles mostrará ás persoas e organizacións participantes as súas capacidades científicas nas áreas da física de altas enerxías, nuclear, astropartículas e física fundamental.

Subir ao principio Subir ao principio