O IGFAE contribúe nunha nova técnica para estudar reaccións nucleares en explosións estelares
21 de Febreiro de 2024

O investigador Yassid Ayyad, do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), centro mixto da Universidade de Santiago de Compostela, que pertence á Rede CIGUS, unha iniciativa promovida pola Xunta de Galicia que aglutina os centros do sistema que acreditaron a súa excelencia científica, publicou un artigo na revista Physical Review Letters que describe unha nova técnica para determinar e estudar as reaccións nucleares que teñen lugar en explosións estelares, como as supernovas.
O investigador encargouse de desenvolver parte da análise e o marco de simulacións necesarias para interpretar os resultados. Estes datos abren, segundo o equipo encargado do traballo, unha nova vía para abordar unha serie de retos científicos, incluídos a astrofísica e a física de neutrinos. Tal e como explican, estudar as reaccións nucleares que se producen nas supernovas é esencial para coñecer a evolución do universo. Hai un tipo de supernovas, as de colapso do núcleo, que afectan ás estrelas de máis de oito masas solares ao final do seu ciclo vital. Neste proceso, estas estrelas xigantes xeran un buraco negro ou unha estrela de neutróns moi densa.
Durante este colapso, os núcleos atómicos dos elementos presentes no núcleo da estrela capturan electróns. Estas reaccións reducen a presión da estrela e xeran neutrinos que levan a enerxía. Polo tanto, modelizar e entender mellor estas reaccións axuda a desentrañar os aspectos aínda descoñecidos neste tipo de fenómenos de gran magnitude.
Actualmente, o equipo que lidera Yassid Ayyad encóntrase preparando un novo traballo relacionado con esta nova técnica. «Agora mesmo estamos traballando para realizar un experimento similar en xullo deste ano, usando o mesmo dispositivo experimental, pero esta vez mediremos a resposta electromagnética do 11Li, un núcleo moi exótico que se caracteriza por ter dous neutróns orbitando lonxe do núcleo. É o que se coñece como núcleo halo», engade Ayyad. «Esta proposta está liderada polo noso grupo de investigación e servirá como tema de tese dun dos nosos estudantes», conclúe.