O IGFAE incorpora ao investigador Antón Baleato, gañador dunha ERC Starting Grant 2026
11 de Setembro de 2026
O Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), pertencente á Rede CIGUS, unha iniciativa promovida pola Xunta de Galicia que agrupa os centros do sistema galego de investigación que acreditaron a súa excelencia científica, incorporará o cosmólogo coruñés Antón Baleato Lizancos tras a concesión dunha bolsa Starting Grant do Consello Europeo de Investigación (ERC). Esta axuda, que alcanza os 2 millóns de euros, permitiralle desenvolver no IGFAE o seu proxecto ACCELLENS, centrado no estudo da aceleración da expansión do Universo.
As bolsas Starting Grant están dirixidas a persoal investigador que inicia unha liña ou un equipo de investigación independente e constitúen unha das convocatorias máis prestixiosas do ámbito científico europeo. Financian proxectos de investigación na fronteira do coñecemento liderados por persoal investigador con entre dous e sete anos de experiencia posdoutoral. Con Antón Baleato, o IGFAE suma o seu segundo proxecto Starting Grant, tras a incorporación este mesmo ano de César Cabrera, gañador da súa ERC Starting Grant na convocatoria de 2025 e investigador distinguido Oportunius.
Baleato, que desenvolveu toda a súa carreira científica no estranxeiro, contou tamén co apoio do programa Oportunius da Xunta de Galicia na candidatura. Graduado en Física pola Universidade de Columbia e doutor en Cosmoloxía pola Universidade de Cambridge, Antón Baleato desenvolve desde 2021 o seu labor investigador na Universidade de Berkeley e no Lawrence Berkeley National Lab. Tamén obtivo recentemente a bolsa posdoutoral Junior Leader da Fundación ”la Caixa”.
Actualmente desempeña funcións de liderado no proxecto DESI (Dark Energy Spectroscopic Instrument) e participa activamente no Simons Observatory como líder do grupo de delensing, dúas das colaboracións científicas internacionais coas que traballará estreitamente desde o IGFAE.
A obtención desta axuda supón, en palabras do propio investigador, «o máximo ao que podía aspirar tanto no plano profesional como no persoal». Baleato destaca, ademais, a oportunidade de regresar a Galicia tras anos de traxectoria internacional e de incorporarse a un centro como o IGFAE.
O proxecto ACCELLENS (Cosmic ACCELeration through a new gravitational LENS: the synergy between galaxies and the CMB) estudará o efecto de lente gravitacional, mediante o cal a masa das galaxias e a materia escura que as rodea distorsionan esa luz de fondo e nos axudan a comprender mellor de que está feito o Universo e como se está expandindo.
Coa súa incorporación, o Instituto reforza a súa actividade no ámbito das Partículas Cósmicas e a Física Fundamental, onde tamén se desenvolve o proxecto ERC Synergy Grant HERON, liderado por Jaime Álvarez Muñiz.