O IGFAE participa na elaboración dun catálogo interactivo dos raios cósmicos
22 de Marzo de 2023

O Instituto Galego de Física e Altas Enerxías (IGFAE), centro mixto da Universidade de Santiago de Compostela e da Xunta de Galicia e membro da Rede CIGUS, participa nun proxecto internacional consistente na elaboración dun catálogo interactivo dos raios cósmicos. A través de datos recollidos polo Observatorio Pierre Auger (A Arxentina), un dos maiores detectores de raios cósmicos do mundo, os investigadores do centro galego fixeron unha recompilación e análise destes eventos. O resultado é este catálogo, no que se poden consultar os raios cósmicos máis enerxéticos observados e coñecer as súas características, direccións de chegada á Terra ou os detectores que os observaron.
Un dos grandes misterios en astropartículas é saber como unha partícula, na súa viaxe polo cosmos de centos de millóns de anos luz cara á Terra, pode ser acelerada cunha enerxía ata dez millóns de veces superior á que alcanzan os protóns no acelerador de partículas máis potente do mundo, o gran colisionador de hadróns (LHC) da Organización Europea para a Investigación Nuclear (CERN). Para estudar estes raios cósmicos, existen observatorios como o Pierre Auger, que publicou recentemente un traballo en The Astrophysical Journal Suplement Series cos 100 raios cósmicos máis enerxéticos xamais detectados entre 2004 e 2020. Como complemento a este estudo creouse o catálogo no que estivo traballando o IGFAE.
Jaime Álvarez Muñiz, un dos investigadores do IGFAE, explica que o estudo de radiación extremadamente enerxética é moi relevante, xa que permite identificar as fontes de raios cósmicos máis extremas e violentas do universo. «É posible que estas alcancen a súa enerxía alimentándose de obxectos como buracos negros supermasivos», indica.
O IGFAE e a Universidade de Granada son as únicas dúas institucións españolas que participaron no proxecto, no que traballan máis de 400 científicos, enxeñeiros e técnicos de máis de 90 institucións de 18 países diferentes. O equipo do IGFAE que colaborou nesta investigación, composto por sete investigadores, desempeñou un papel crucial na recompilación, reconstrución e análise dos eventos incluídos no catálogo. E é que este grupo de científicos é experto na reconstrución de choivas de partículas moi inclinadas. Estas choivas son clave para identificar os neutrinos extremadamente enerxéticos de entre todas as partículas cósmicas que bombardean a Terra e proporcionan a información necesaria para determinar que obxectos cósmicos orixinan os raios cósmicos primarios.