O IGFAE presenta a súa nova sede

19 de Maio de 2023

O IGFAE presenta a súa nova sede

O Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), centro mixto da USC, membro da Rede CIGUS e avalado como un selo de excelencia científica pola Xunta de Galicia, disporá dunha sede á altura da súa dimensión como centro clave «na captación de talento» e que lle permita «adecuar o espazo ás súas necesidades», tal e como apuntou o reitor Antonio López na presentación dun proxecto que mobilizará cerca de cinco millóns de euros e que se enmarca no convenio entre a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades e as tres universidades galegas para mellorar as súas infraestruturas de investigación. «Este é un salto cualitativo», dixo Carlos Salgado, director do IGFAE, «que nos permitirá conseguir metas máis ambiciosas e visibilizar o instituto dentro da universidade e en Galicia, para que todos os galegos e galegas saiban que aquí teñen un centro de referencia internacional en física de partículas».

Pola súa banda, o conselleiro Román Rodríguez destacou o IGFAE como «un centro que representa á perfección o nivel investigador da nosa comunidade, referente no campo da física de alta enerxía, na física de partículas e nuclear e que acolle a membros que recibiron algunhas das axudas de maior prestixio dentro do sector como son Starting Grant e Advanced Grant». Neste sentido, destacou que a excelencia e o volume de actividade investigadora que se realiza neste centro fai necesario que se dote a institución «dunhas instalacións renovadas e ampliadas para seguir reforzando e impulsando as liñas de investigación do instituto».

O proxecto presentado este luns nas instalacións do IGFAE conforma unha actuación mixta de acondicionamento do xa edificado no interior do inmoble actual e da execución dun novo volume na planta baixa, grazas ao que se dotará o IGFAE da Rede CIGUS de novos espazos dedicados a laboratorios e investigación. O centro constará dunha superficie total de 48 880,15 m² dos que 348,5 m² corresponden ao volume de ampliación.

Subir ao principio Subir ao principio