O IGFAE únese á rede REDONGRA para impulsar a ciencia das ondas gravitacionais en España

28 de Agosto de 2025

O IGFAE únese á rede REDONGRA para impulsar a ciencia das ondas gravitacionais en España

O Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), centro mixto da USC e da Xunta de Galicia, pertencente á rede CIGUS —unha iniciativa promovida pola Xunta de Galicia que agrupa os centros do sistema que teñen acreditada a súa excelencia científica—, incorpórase á Rede Española de Física de Ondas Gravitacionais (REDONGRA).

REDONGRA, que vén de obter un importante financiamento do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades na convocatoria 2024 de Redes de Investigación, ten dous obxectivos principais: coordinar e maximizar a contribución de España á ciencia das ondas gravitacionais, e preparar a vindeira xeración científica e de infraestruturas para futuras misións de vangarda, como LISA e o Einstein Telescope.

O obxectivo da rede é desenvolver unha folla de ruta para a implicación estratéxica de España nestas misións e avanzar no coñecemento do universo mediante a detección e análise das ondas gravitacionais.

O equipo de ondas gravitacionais do IGFAE é un dos 20 grupos de investigación de excelencia de todo o Estado que forman parte desta rede, liderada polo investigador sénior do Instituto de Ciencias do Espazo (ICE-CSIC), Carlos Fernández Sopuerta.

Liderado por Thomas Dent e Juan Calderón Bustillo, este equipo do IGFAE xogou un papel destacado na comunidade científica española desde a súa creación en 2018, sendo o único grupo que realiza unha análise completa dos sinais de ondas gravitacionais, desde a súa detección ata a interpretación astrofísica.

Actualmente, traballa na finalización dos últimos resultados do período máis recente de observación de LIGO, Virgo e KAGRA, que vén de identificar a 300.ª detección candidata a fusión de buratos negros ou estrelas de neutróns desde o ano 2015.

 20 grupos de investigación de excelencia en España

A rede REDONGRA está formada, ademais do IGFAE, polas seguintes institucións: o Instituto de Ciencias do Espazo (ICE-CSIC), o Centro de Investigacións Enerxéticas, Medioambientais e Tecnolóxicas (CIEMAT), o Instituto de Astrofísica de Andalucía (IAA-CSIC), o Instituto de Astrofísica de Canarias (IAC), o Institut de Ciències del Cosmos da Universidade de Barcelona (ICCUB), o Instituto de Estrutura da Materia (IEM-CSIC), o Institut de Física d’Altes Energies (IFAE), o Instituto de Física de Cantabria (IFCA-CSIC/UC), o Instituto de Física Corpuscular (IFIC-CSIC/UV), o Instituto de Física Teórica (IFT-CSIC/UAM), o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), a Universidade de Alacante (UA), a Universidade de Cádiz (UCA), a Universidade de Granada (UGR), a Universidade das Illas Baleares (UIB), a Universitat Politècnica de Catalunya – BarcelonaTech (UPC), a Universidade Politécnica de Madrid (UPM), a Universidade do País Vasco (UPV/EHU), a Universidade de Salamanca (USAL) e a Universidade de Valencia (UV).

Subir ao principio Subir ao principio