O investigador do CiMUS Jose M. Tubío obtén unha das 58 bolsas Leonardo, a única galega da convocatoria 2024

25 de Xullo de 2024

O investigador do CiMUS Jose M. Tubío obtén unha das 58 bolsas Leonardo, a única galega da convocatoria 2024

A Fundación BBVA outorgoulle unha das 58 bolsas Leonardo, a única galega desta última convocatoria, a Jose M. Tubío, investigador principal do CiMUS, que pertence á Rede CIGUS, unha iniciativa promovida pola Xunta de Galicia que aglutina os centros do sistema que acreditaron a súa excelencia científica. Este recoñecemento marca un novo fito na carreira científica de Tubío. A XI edición deste prestixioso programa de apoio á ciencia e á cultura de excelencia seleccionou, na área de Bioloxía e Biomedicina, o traballo «Mutación somática de tecido hepático no contexto da hepatite B», dirixido polo investigador compostelán, que financiará con 40 000 euros para o seu desenvolvemento nos próximos 18 meses.

«O proceso de asignación das bolsas foi especialmente competitivo. Concorreron un total de 1392 solicitantes nos dez campos incluídos e, especificamente, 270 na área de bioloxía e biomedicina», segundo se recolle na comunicación recibida por José M. Tubío da Fundación BBVA. «Un motivo máis de satisfacción e un novo impulso ao meu traballo no ecosistema galego de investigación», manifesta orgulloso o científico do CiMUS.

José M. Tubío, perfil de excelencia en investigación en cancro

Ademais da súa traxectoria como divulgador, o científico do CiMUS da USC destaca pola súa proxección nacional e internacional no campo da investigación en cancro e, de xeito transversal, polo impacto global das súas publicacións. Tanto é así que, en 2019, foi nominado Highly Cited Researcher 2019 pola Web of Science na categoría cross-field, o que o identifica como un dos científicos máis influentes do mundo en canto á calidade das súas publicacións.

No ano 2020, recibiu o ASEICA Young investigator Award da Asociación Española de Investigación Sobre o Cancro (ASEICA). En 2021, recibiu o XI Premio Nacional de Investigación en Cancro Doutores Diz Pintado. E, máis recentemente, en 2022, recibiu o III Premio Internacional a Talentos Xoves en Oncoloxía Ramiro Carregal.

Subir ao principio Subir ao principio