O proxecto AriSe do atlanTTic emprega IA para o control das redes ultradensas e das redes IoT futuras
30 de Xullo de 2024

Está a punto de concluír o proxecto AriSe, coordinado desde o centro atlanTTic, centro que pertence á Rede CIGUS, unha iniciativa promovida pola Xunta de Galicia que aglutina os centros do sistema que acreditaron a súa excelencia científica. Cun orzamento de 122 452 euros, está coordinado desde o centro de investigación atlanTTic da Universidade de Vigo polo catedrático Francisco Javier González Castaño, director do grupo GTI, e polo profesor da Universidade Politécnica de Cartaxena Juan José Alcaraz. Xorde como resposta ás necesidades dun desenvolvemento masivo de solucións de intelixencia artificial para o control e xestión da rede, das súas funcionalidades e dos seus servizos.
As redes de comunicación sen fíos experimentarán un aumento do tráfico sen precedentes debido ás novas aplicacións de grande ancho de banda, como, por exemplo, multimedia 3D, realidade aumentada e realidade virtual. A isto hai que engadir que, grazas á miniaturización e ás economías de escala, se producirá a incorporación de dispositivos sensores e actuadores ás infraestruturas das cidades intelixentes e aos obxectos cotiáns que nos rodean. Como resultado, cada quilómetro cadrado dunha área urbana de Internet das cousas (IoT) xerará decenas de terabits de datos por segundo. Para apoiar esta demanda, desenvolveranse redes de comunicación ultradensas, un novo paradigma no que tamén se inclúen as nanocomunicacións.
Neste escenario dinámico será necesario un desenvolvemento masivo de solucións de intelixencia artificial. Para avanzar neste ámbito, hai tres anos púxose en marcha o proxecto AriSe: redes ultradensas sen celas, redes IoT futuras e nanorredes, seleccionado na convocatoria estatal de Xeración de Coñecemento e que está a punto de concluír.
Xunto a eles, están implicados neste proxecto o catedrático do Departamento de Enxeñería Telemática Felipe Gil Castiñeira e o catedrático desta área na Politécnica de Cartaxena Antonio Javier García Sánchez, así como todos os investigadores sénior do grupo GTI de atlanTTic, é dicir, Juan Carlos Burguillo, Enrique Costa, Cristina López Bravo, Pedro Rodríguez Hernández, Pablo Fondo, Silvia García Méndez e Francisco de Arriba, ademais dun investigador FPI, David Candal. Na investigación colaboran tamén os principais operadores españois xunto con dúas multinacionais que prestan o seu apoio.
Segundo os investigadores do atlanTTic, os avances no desenvolvemento masivo de solucións de intelixencia artificial para o control e a xestión da Rede, xa presentes en diversos graos no 5G, sentarán as bases para as tecnoloxías post-5G o 6G. Como explica González Castaño, «por primeira vez na historia, a capacidade das redes superará calquera necesidade de comunicación presente e previsible, achegándose á capacidade agregada dos sentidos dos seres humanos. O factor limitante xa no serán as redes, senón a capacidade de computación. Para a xestión destas redes, a IA é esencial, sen ela non se poderán manter as ligazóns máis adecuadas ás necesidades de cada servizo en todo momento sen afectar as sesións de usuario, dadas as características das bandas empregadas».