O proxecto SignaMed, desenvolvido por atlanTTic, mellora a atención en urxencias ás persoas xordas
29 de Xuño de 2023

O Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación da Universidade de Vigo (atlanTTIC), que pertence á Rede CIGUS, unha iniciativa promovida pola Xunta de Galicia que aglutina os centros do sistema que acreditaron a súa excelencia científica, desenvolveu o proxecto SignaMed, un dicionario multiplataforma, accesible vía web desde calquera dispositivo, de termos de saúde en lingua de signos española.
Esta innovadora proposta tecnolóxica ten como principal obxectivo facilitar a atención das persoas xordas nos servizos de urxencias sanitarias cando a inmediatez da situación non permite contar coa colaboración de intérpretes de linguaxe de signos nun primeiro momento. «Actualmente non existe ningún tradutor automático para ningunha das linguas de signos do mundo. Pero este último modelo recoñece cun acerto do 94 % ata 120 signos e variantes e, pouco a pouco, iranse integrando os restantes», explicou José Luis Alba, catedrático da Escola de Enxeñería de Telecomunicación e investigador de atlanTTic, que coordina o proxecto SignaMed.
O investigador, que puxo en valor o traballo desenvolvido polo Grupo de Tecnoloxías Multimedia de atlanTTic, destacou que «xunto á posta en marcha desta ferramenta se desenvolveron diferentes modelos de intelixencia artificial que permitiron ir recoñecendo, a medida que se incorporaban, calquera signo ou variante do dicionario». Nesta mesma liña, o responsable do proxecto quixo resaltar que «SignaMed servirá, pola súa vez, para recadar a cooperación da comunidade xorda e seguir incluíndo frases en LSE para ese dominio de aplicación». De feito, este proxecto foi desenvolvido coa axuda da FAXPG, a Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia, e coa cooperación de colaboradores anónimos da comunidade xorda.
Proba piloto no Hospital Álvaro Cunqueiro a finais de 2024
Ademais, en atlantTTIC levan xa varios meses traballando na continuación desta iniciativa.
Tras conseguir o financiamento de máis de 140 000 euros dos fondos Next Generation, destinados polo Ministerio de Ciencia e Innovación na modalidade de Proba Concepto, porán en marcha unha proba piloto do servizo dun intérprete automático, que entenda frases curtas en LSE relacionadas con calquera urxencia médica. Este novo proxecto, bautizado SignaSalud, será posto en práctica no servizo de Urxencias do Hospital Álvaro Cunqueiro a finais de 2024.