O proxecto TraffikGene do CiQUS desenvolve novas ferramentas químicas para loitar contra o cancro
29 de Marzo de 2023

O vicepresidente primeiro da Xunta e a directora da GAIN xunto ao reitor da USC, os directores do CiQUS e membros do proxecto TraffikGene nunha visita ao laboratorio do CiQUS | Imaxe: Santi Alvite
TraffikGene é un dos proxectos de investigación do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) da Universidade de Santiago de Compostela, integrado dentro da Rede CIGUS, que busca terapias alternativas e innovadoras para combater enfermidades como o cancro. O equipo de investigadores, liderado polo profesor Javier Montenegro, leva desde o ano 2012 traballando no desenvolvemento e síntese de novas moléculas capaces de protexer e entregar ácidos nucleicos, como o ARN mensaxeiro, de forma eficiente e non tóxica. O proxecto, que actualmente se atopa en fase de demostrar a funcionalidade dos modelos preclínicos, busca conseguir a comercialización de novas terapias xénicas para tratar esta enfermidade.
En 2021, TraffikGene recibiu o apoio da última edición do programa IGNICIA Proba de Concepto, cuxo obxectivo é promover a transferencia dos coñecementos dos centros de investigación galegos ao mercado. Agora, este proxecto acaba de ser seleccionado polo programa EIC Transition do Consello Europeo de Innovación (EIC) e é o primeiro en Galicia en recibir fondos desta convocatoria, unha das máis prestixiosas e competitivas do ámbito internacional na área de transferencia do coñecemento. Ademais, obtivo o galardón á Mellor Idea Empresarial outorgado pola Agrupación Industrial Tecnolóxico-Empresarial das Ciencias da Vida (Bioga).
O proxecto posibilitou a contratación de novos profesionais para o equipo de investigación, que xa suma 20 membros. A nova axuda do EIC, que ascende a 2,5 millóns de euros, servirá de impulso para conseguir o obxectivo de crear en Galicia unha empresa spin-off que comercialice estes novos axentes terapéuticos.
En liña co seu compromiso de transferir os resultados de investigación ao mercado, ademais de liderar tres proxectos IGNICIA, o CiQUS captou financiamento nestes últimos anos para outros oito proxectos de valorización por valor de 1,2 millóns de euros en convocatorias nacionais, europeas e de fundacións privadas.