Obradoiros, coloquios e a feira eXXperimenta en Feminino, algunhas das actividades para celebrar o 11F nos centros CIGUS

14 de Febreiro de 2025

Obradoiros, coloquios e a feira eXXperimenta en Feminino, algunhas das actividades para celebrar o 11F nos centros CIGUS

Os centros pertencentes á Rede CIGUS, unha iniciativa promovida pola Xunta de Galicia que agrupa os centros do sistema que acreditaron a súa excelencia científica, celebraron con distintas actividades o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, que se conmemora cada ano o 11 de febreiro.

No marco desta celebración, o CiTIUS presentou dúas plataformas dedicadas a promover a visibilidade das mulleres no ámbito da ciencia e a tecnoloxía, así como a impulsar o acceso das nenas máis novas a ambos os campos. Estas actividades, recollidas en dúas páxinas web, son o resultado dun traballo continuo e colaborativo para resaltar a contribución feminina ao desenvolvemento científico e tecnolóxico. Un labor de difusión coordinado pola profesora Eva Cernadas, investigadora do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS).

A web A informática e a vida explora a historia da informática desde unha perspectiva igualitaria e de enfoque de xénero, poñendo en valor as achegas de mulleres pioneiras no campo da computación. Nesta plataforma ofrécense un total de dez actividades para realizar nas aulas, enfocadas a centros de educación primaria e secundaria. A páxina O uso do xogo e a arte para educar na enxeñaría dende a infancia ofrece actividades interactivas e recursos educativos audiovisuais para fomentar o interese de nenas e nenos na ciencia, a tecnoloxía, a enxeñaría e as matemáticas (STEM) desde a súa máis tenra infancia, xa que o contido desta web está dirixido a centros de educación infantil e primaria.

O CiQUS sumouse á celebración deste día acollendo a máis de 60 estudantes de bacharelato, que tiveron a oportunidade de asomarse ao mundo da ciencia e coñecer de preto o traballo das investigadoras do centro. Os directores do CiQUS, José Luis Mascareñas e Dolores Pérez, deron a benvida ao alumnado nun encontro que contou coa participación da Directora Xeral de Promoción da Igualdade da Xunta de Galicia, María Quintiana, quen destacou a importancia deste tipo de eventos, que buscan visibilizar a importancia das mulleres na ciencia e que teñen como obxectivo romper as barreiras de xénero que aínda existen.

Tamén, o CIM (Centro de Investigación Mariña) da Universidade de Vigo celebrou o 11F coa entrega dos premios da segunda edición do concurso Marie Tharp. A cerimonia tivo lugar o luns 10 de febreiro, véspera do 11F, no novo salón de graos do edificio de Ciencias Experimentais. Este certame está dirixido a mulleres investigadoras de pre e posdoutoramento do centro, que foron convidadas a contar o seu traballo a través dunha peza audiovisual dun minuto de duración. Con esta iniciativa, o CIM busca destacar o labor das investigadoras e promover referentes femininos na ciencia mariña.

Científicas do CINBIO, outro dos centros da Rede CIGUS, participaron en distintas actividades con motivo da conmemoración do 11F. Como preludio, o centro coorganizou o 7 de febreiro, xunto coa SEBBM, o coloquio ‘Todas somos ciencias’, unha actividade coorganizada coa SEBBM (Sociedade Española de Bioquímica e Bioloxía Molecular). O propio 11F, tivo lugar a novena edición dos talleres ‘Elas Fan CienTec’, onde alumnas de distintos institutos da provincia de Pontevedra visitan varios centros de investigación do Campus de Vigo. Nesta ocasión, o CINBIO abriu as súas portas a un grupo de alumnas do IES Santa Irene de Vigo, que puideron escoller entre sete talleres, incluíndo xogos de rol sobre as enfermidades raras, preparación de nanopartículas de ouro ou simulación de encapsulación de fármacos.

No caso do CITIC, catro investigadoras, Verónica Bolón Canedo, María Martínez Pérez, María José Martín Santamaría e Elena María Hernández Pereira, participaron no ciclo ‘Directo 11F: Conecta con mulleres en informática’ organizado polo Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía (MUNCYT) da Coruña e a Facultade de Informática da UDC. Estas charlas dirixidas a estudantes de secundaria, bacharelato e formación profesional teñen como obxectivo promover a participación das mulleres na ciencia e visibilizar o seu traballo.

O IGFAE (Instituto Galego de Física de Altas Enerxías), celebrou esta data organizando en Santiago de Compostela a ‘Masterclass Internacional de física de partículas que conmemora o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia’. Celebrouse o 11 de febreiro na Facultade de Matemáticas da USC, onde alumnas de 1º de Bacharelato de centros de toda Galicia puideron participar nesta xornada, na que conviviron con investigadoras do IGFAE e o CERN (Organización Europea para a Investigación Nuclear).

Ademais, ao longo de todo o mes de febreiro investigadoras dos centros da Rede acuden a escolas e institutos de toda Galicia para impartir charlas e talleres sobre o papel da muller na ciencia. Unha delas foi a investigadora do atlanTTIC Rebeca Díaz Redondo que estivo no IES de Beade (Vigo) falando co alumnado sobre sesgos na intelixencia artificial.

Subir ao principio Subir ao principio