Os centros CIGUS reciben nove millóns de euros de financiamento por parte da Xunta

13 de Decembro de 2022

Os centros CIGUS reciben nove millóns de euros de financiamento por parte da Xunta

A Xunta, a través da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, asinou senllos acordos cos reitores das tres universidades públicas galegas para o financiamento dos centros de investigación do Sistema Universitario de Galicia (CIGUS) que suman cerca de nove millóns de euros.

O acordo beneficiou os oito centros que contan co selo CIGUS, que recoñece a calidade e o impacto da súa investigación: o Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e das Comunicacións (CITIC) na Universidade da Coruña; o Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS), o Centro de Investigación en Medicina Molecular (CiMUS), o Centro de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS) e o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) na Universidade de Santiago de Compostela; e o Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicacións (atlanTTic), o Centro de Investigacións Biomédicas (CINBIO) e o Centro de Investigacións Mariñas (CIM) na Universidade de Vigo.

O conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, Román Rodríguez, explicou que este financiamento está destinado a axudar a manter a actividade investigadora dos centros e facer posible que continúen ampliando a súa base de talento e posicionándose como institucións investigadoras de referencia.

O financiamento responde aos resultados favorables do proceso de avaliación do rendemento destes centros realizado en 2022. Esta avaliación foi levada a cabo por unha comisión de expertos externos ao Sistema Universitario de Galicia (SUG), que analizaron, a través da documentación facilitada polos centros, a evolución destes en relación con tres ámbitos clave: organización e goberno, calidade da investigación e relevancia para a sociedade.

Ademais da análise da documentación, a comisión avaliadora visitou as instalacións de cada centro e reuniuse coa súa dirección científica para coñecer de primeira man a súa situación actual e as súas perspectivas de futuro.

Esta contía de subvención segue a liña do que os centros viñan recibindo anualmente, pero calculada para dez meses, ata que se publique a nova convocatoria de avaliación e concesión de axudas en 2023.

Subir ao principio Subir ao principio