Os centros da Rede CIGUS da USC abren as portas á cidadanía na oitava edición de Ciencia Singular

25 de Novembro de 2024

Os centros da Rede CIGUS da USC abren as portas á cidadanía na oitava edición de Ciencia Singular

Os centros da USC pertencentes á Rede CIGUS, unha iniciativa promovida pola Xunta de Galicia que reúne os centros do sistema que acreditaron a súa excelencia científica, abren, un ano máis, as súas portas á cidadanía o sábado 23 de novembro, con motivo da oitava edición de Ciencia Singular. A cita conta nesta ocasión con algunhas novidades, entre as que destaca a incorporación do CRETUS (Centro de Investigación Interdisciplinaria en Tecnoloxías Ambientais), que este ano se sumou aos centros que xa formaban parte da rede CIGUS da Xunta de Galicia.

Desde primeira hora da mañá e ata o solpor, persoas de todas as idades percorreron as instalacións do CiQUS, CiMUS, CiTIUS, IGFAE e CRETUS para coñecer, da man do persoal investigador, o labor pioneiro que se desenvolve nelas día a día. O programa da xornada pódese consultar na páxina web cienciasingular.usc.es

Dun xeito ameno e accesible, e a través de charlas divulgativas, visitas guiadas, obradoiros e experimentos, centos de visitantes descubriron a investigación que se desenvolve en áreas como a química, as tecnoloxías intelixentes, a medicina molecular, a física ou as tecnoloxías ambientais. Ciencia Singular é unha iniciativa que busca fomentar vocacións científicas desde idades temperás e trasladar á sociedade a relevancia do traballo que se desenvolve nestes centros durante todo o ano.

Subir ao principio Subir ao principio