Os centros da Rede CIGUS recibirán un reforzo orzamentario da Xunta
5 de Febreiro de 2023

O Goberno da Xunta prevé un reforzo orzamentario para o financiamento dos centros científicos integrados na Rede de Centros de Investigación do Sistema Universitario de Galicia (CIGUS). Segundo indicou o conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, Román Rodríguez, xa se está traballando niso co obxectivo de seguir impulsando o apoio da Administración aos centros que son punta de lanza no Sistema Universitario de Galicia.
Nos últimos cinco anos, a Xunta investiu cerca de 30 millóns de euros na actividade investigadora da Rede de Centros de Investigación do SUG. . Esta rede está integrada polo Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS), o Centro de Investigación en Medicina Molecular (CiMUS), o Centro de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS) e o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), da Universidade de Santiago de Compostela; o Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña, e o Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicacións (atlanTTic), o Centro de Investigacións Biomédicas (CINBIO) e o Centro de Investigacións Mariñas (CIM), da Universidade de Vigo.