Os tres centros da rede CIGUS da Universidade de Vigo captan preto de 2 millóns de euros do Plan Nacional
14 de Decembro de 2024

Dos 40 proxectos de investigación da Universidade de Vigo que obtiveron financiamento procedente do Plan Nacional, 13 están liderados por persoal docente e investigador adscritos aos tres centros CIGUS da Universidade de Vigo: o Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina (CINBIO), o Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación (atlanTTic) e o Centro de Investigación Mariña (CIM). Todos eles pertencen á Rede CIGUS, unha iniciativa promovida pola Xunta de Galicia que agrupa os centros do sistema que acreditaron a súa excelencia científica. Entre os tres, captan preto de 2 millóns de euros. Nesta ocasión, o CINBIO obtivo cinco proxectos e 844.000 euros.
O proxecto que nesta convocatoria obtivo maior financiamento busca desenvolver estratexias de vangarda para a monitorización continua “in situ” de antibióticos en contornas acuáticas. Liderado polo director do CINBIO, Miguel Ángel Correa, e financiado con 281.250 euros, o proxecto aborda as limitacións dos métodos actuais para aliñarse coas prioridades globais de saúde dirixidas a combater a contaminación por antibióticos e, consecuentemente, a coñecida como resistencia antimicrobiana (RAM), un problema que, só en 2019, se estimou estaba vinculado con preto de 4,95 millóns de mortes.