Óscar Pereira, investigador do CiTIUS, consegue o Premio Icarus

1 de Outubro de 2023

Óscar Pereira, investigador do CiTIUS, consegue o Premio Icarus

A tese de Óscar Pereira, actual investigador de posdoutoramento do CiTIUS, centro que pertence á Rede CIGUS, unha iniciativa promovida pola Xunta de Galicia que aglutina os centros do sistema que acreditaron a súa excelencia científica, foi galardoada co Premio Icarus, que recoñece os traballos académicos cunha maior aplicación económica e social.

EcoHarvest é o nome da aplicación práctica da tese de doutoramento de Óscar Pereira Rial, desenvolta integramente no CiTIUS. O traballo, titulado Ultra-low power CMOS circuit design for energy harvesting applications, foi distinguido co primeiro dos dous premios que distinguen as mellores teses do ano. Este proxecto está centrado no deseño e fabricación dun tipo de circuítos integrados (chips) que fosen capaces de obter enerxía de maneira sostible e continua, aproveitando as fontes de enerxía ambiental dispoñibles, como, por exemplo, a luz solar, as vibracións mecánicas, a calor residual ou as ondas electromagnéticas.

Premiar a transferencia da ciencia

O programa Icarus é unha iniciativa da área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da Universidade de Santiago (AVTE-USC), cuxo propósito é estimular o estudantado universitario para que reflexione sobre a aplicación social e económica do coñecemento que desenvolven nos seus traballos académicos, xa sexan de fin de grao (TFG), máster(TFM) ou tese de doutoramento.

Subir ao principio Subir ao principio