Persoal investigador de tres centros da Rede CIGUS recibe as Medallas de Investigación 2026 da RAGC
8 de Outubro de 2026
Persoal investigador de tres centros da Rede CIGUS, unha iniciativa promovida pola Xunta de Galicia que agrupa os centros do sistema galego de investigación que acreditaron a súa excelencia científica, foi distinguido nas Medallas de Investigación 2026 da Real Academia Galega de Ciencias (RAGC). Mabel Loza, directora do CiMUS; Francisco Rivadulla, investigador do CiQUS; e Sebastián Villasante, investigador distinguido Oportunius adscrito ao CRETUS, todos eles da Universidade de Santiago de Compostela, recibiron estes galardóns en recoñecemento ás súas traxectorias científicas e ás súas contribucións nos ámbitos do descubrimento de fármacos, a química de materiais e a sustentabilidade mariña.
Mabel Loza García, catedrática de Farmacoloxía e directora do CiMUS (USC), recibiu a medalla Ángeles Alvariño González, correspondente á sección de Bioloxía e Ciencias da Saúde, pola súa contribución ao descubrimento temperán de fármacos. Baixo a súa dirección, o equipo investigador impulsou o desenvolvemento de 17 novos medicamentos que alcanzaron ensaios clínicos con pacientes, entre eles un fármaco oral para o tratamento da COVID-19. A súa traxectoria inclúe o liderado de arredor dun cento de proxectos, a colaboración coa industria farmacéutica e biotecnolóxica, 19 patentes e a cofundación de catro empresas biotecnolóxicas. Este recoñecemento pon en valor a súa contribución ao desenvolvemento da investigación farmacolóxica desde Galicia e a súa proxección internacional.
Pola súa banda, Francisco Rivadulla Fernández, catedrático de Química Física da USC e investigador do CiQUS, foi distinguido coa medalla Antonio Casares Rodríguez, na área de Química e Xeoloxía. A súa investigación céntrase na química do estado sólido e na física da materia condensada, especialmente no estudo de óxidos funcionais, materiais termoeléctricos, propiedades magnéticas e transporte térmico. O seu traballo combina a investigación fundamental co desenvolvemento de novos materiais e técnicas experimentais. Ao longo da súa traxectoria liderou proxectos competitivos, entre eles unha ERC Starting Grant e unha ERC Proof of Concept, e publicou arredor de 150 artigos científicos. Ademais, o seu grupo contribuíu a incorporar a Galicia novas técnicas avanzadas de síntese e caracterización de materiais, reforzando as capacidades científicas do sistema galego de investigación.
O terceiro galardoado vinculado á Rede CIGUS é Sebastián Villasante Larramendi, profesor de Economía Aplicada da USC e investigador do CRETUS, que recibiu a medalla Domingo García-Sabell Rivas en recoñecemento á súa traxectoria científica e á súa contribución ao estudo da economía dos océanos e da sustentabilidade mariña. A súa investigación aborda desafíos como o cambio climático, a perda de biodiversidade e a inseguridade alimentaria desde unha perspectiva interdisciplinaria que integra dimensións económicas, sociais e institucionais. As rías galegas e as comunidades pesqueiras locais constitúen un dos seus principais ámbitos de estudo, no que analiza os impactos socioeconómicos do cambio climático, a vulnerabilidade dos territorios costeiros e a transformación sostible das economías mariñas. O seu traballo tamén contribúe á análise da resiliencia das zonas costeiras europeas e ao deseño de áreas mariñas protexidas. Así mesmo, Villasante coordina o proxecto europeo ERC EqualSea, centrado en promover unha adaptación ao cambio climático que teña en conta a equidade nos océanos.
Rosa Crujeiras e Leandro Alejano Monge completan a lista de galardoados pola RAGC neste 2026. A catedrática de Estatística e Investigación Operativa e actual reitora da USC, Rosa Crujeiras, recibiu a medalla Enrique Vidal Abascal polas súas contribucións de referencia internacional no campo da Estatística. Pola súa banda, Leandro Alejano Monge, catedrático de Mecánica de Rochas na Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía da Universidade de Vigo, foi distinguido coa medalla Isidro Parga Pondal de Ciencias Técnicas pola súa traxectoria en enxeñaría de minas e mecánica de rochas