Primeiro encontro intercentros entre CICA e CITENI para fomentar a cooperación na área de Materiais

14 de Marzo de 2025

Primeiro encontro intercentros entre CICA e CITENI para fomentar a cooperación na área de Materiais

O pasado luns 10 de marzo, persoal investigador do Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA), centro da UDC que pertence á Rede CIGUS – unha iniciativa promovida pola Xunta de Galicia que aglutina os centros do sistema que acreditaron a súa excelencia científica- mantivo unha primeira reunión cos seus homólogos do Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) para dar a coñecer as liñas de investigación dos grupos vinculados ao ámbito de Ciencias de Materiais e atopar puntos de encontro para futuras posibles colaboracións.

Ao comezo da xornada – que tivo lugar no Campus Industrial de Ferrol – Armando Yañez e Jaime Rodríguez, directores do CITENI e do CICA respectivamente,  deron a benvida aos asistentes. Así mesmo, Francisco Fernández-Trillo, Profesor Titular e membro do grupo BioNanoChem do CICA xunto a Jaime Martín, Profesor Investigador Oportunius e membro do Grupo de Polímeros do CITENI, moderaron o evento como líderes do devandito encontro intercentros.

A continuación, Alicia Latorre, responsable dos equipamentos e servizos comúns do CICA, e o director do CITENI presentaron as infraestruturas dos centros. Ao longo da mañá presentáronse as liñas de investigación dos grupos vinculados á área de ciencia de materiais.

O evento foi parcialmente financiado grazas aos Fondos Europeos recibidos tras a incorporación do centro á Rede CIGUS. A próxima cita deste encontro intercentros terá lugar o ano que vén no CICA, buscando así crear un ciclo anual para fomentar o intercambio e a transferencia de coñecemento entre os centros de investigación.

Subir ao principio Subir ao principio