REDE CIGUS

Un proxecto de país que aposta pola investigación de excelencia universitaria

A Rede de centros de investigación do Sistema Universitario de Galicia (Rede CIGUS) é unha superestrutura promovida e financiada pola Xunta de Galicia para fortalecer e potenciar a investigación de excelencia universitaria e actuar como motor de progreso da rexión. Está integrada, na actualidade, por dez centros que contan co selo identificativo CIGUS, un recoñecemento que avala a calidade e o impacto da súa investigación e que se sustenta nun rigoroso proceso de avaliación continua de carácter externo.

A Rede CIGUS transforma a potencia individual dos centros de investigación máis avanzados do sistema nunha gran forza colectiva mediante a posta en marcha de accións estratéxicas e coordinadas que contribúen a consolidar a súa excelencia, incrementar o seu impacto social e situar o sistema de investigación universitario galego como referente científico no panorama nacional e internacional.

Baixo a marca CIGUS, que representa un modelo único en España, vertébrase e visibilízase a investigación universitaria de excelencia desenvolvida no territorio e concrétase unha firme aposta polo crecemento económico, o benestar social e o desenvolvemento futuro de Galicia.

Galicia, Euskadi, Madrid e Cataluña son as únicas comunidades españolas que dispoñen de distintivos de calidade para identificar os seus centros de investigación.

OBXECTIVOS

Desenvolver estruturas de investigación máis áxiles, transparentes, eficaces e inclusivas a través da formación continua e o desenvolvemento profesional, en particular, do persoal das unidades de dirección e xestión dos centros.

Fomentar o coñecemento mutuo, o intercambio de experiencias e a colaboración activa entre os centros para optimizar recursos, xerar sinerxías e alcanzar resultados de maior impacto científico-tecnolóxico.

Impulsar a cooperación estratéxica entre os centros e outros actores claves do sistema galego, nacional e internacional de I+D+i para ofrecer solucións que melloren a competitividade empresarial e o benestar social.

Aumentar o recoñecemento e o posicionamento nacional e internacional dos centros CIGUS e proxectar a Galicia como referente no ámbito científico e investigador.

Atraer, reter e apoiar o talento científico para mellorar a calidade da ciencia desenvolvida en Galicia e fortalecer o seu ecosistema innovador.

Asegurar a excelencia científica e promover a mellora continua dos centros a través da realización de procesos de selección e avaliación rigorosos levados a cabo de forma independente por un comité científico externo.

ANTECEDENTES

A Rede CIGUS e os centros que actualmente a integran son o resultado dun proceso evolutivo que ten a súa orixe nas políticas de estruturación e consolidación do sistema científico universitario galego iniciadas en 2008 co financiamento das primeiras «agrupacións estratéxicas de investigación do SUG». ». Coa creación destas agrupacións buscábase avanzar desde un modelo de organización científica tradicional (baseado en grupos e investigadores individuais enmarcados en departamentos) a un sistema de estruturas especializadas en investigación, con maior masa crítica, máis flexibles e dinámicas e, á vez, capaces de competir nun escenario cada vez máis global e complexo.

En 2016 deuse un paso máis poñendo en marcha o Programa de financiamento, estruturación e mellora de centros de investigación singulares e agrupacións estratéxicas consolidadas que incorporou, ademais do apoio económico, un recoñecemento autonómico explícito para este tipo de estruturas. Non obstante, é entre 2019 e 2021 cando se consolida o modelo de centros de investigación de excelencia que se está impulsando en Galicia, que pon o foco no papel central do proxecto científico, o fortalecemento das estruturas de gobernanza, o impulso dos comités asesores externos e a realización periódica de avaliacións institucionais externas, e se desenvolve o selo CIGUS e a Rede que lle dá soporte. O máis característico é, precisamente, esa firme aposta pola implementación de procesos de avaliación externos, continuos e altamente rigorosos aos centros que forman parte do modelo e se integran na Rede.

HITOS

2008
Programa de agrupacións estratéxicas de investigación (2008, 2009, 2012, 2015 e 2018).
2016
Orde do 11 de agosto para a acreditación, estruturación e mellora de centros de investigación singulares e agrupacións estratéxicas consolidadas.
2019
Orde do 19 de setembro de 2019 para a acreditación, estruturación e mellora de centros de investigación do Sistema Universitario de Galicia.
2020
Creación do selo identificativo CIGUS e posta en marcha da Rede CIGUS.
2023
Orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, da acreditación da excelencia (científica, técnica ou artística) e das axudas para a estrutura, mellora e apoio aos centros de investigación do Sistema Universitario de Galicia.
2024
Resolución da avaliación para a acreditación de excelencia dos centros de investigación de Galicia e incorporación de 2 novos centros

ESTRUTURA

A estrutura da Rede CIGUS está conformada por un grupo de traballo de alto nivel, un comité mixto de traballo, varias comisións de traballo temáticas e unha unidade operativa.

PORTAVOZ

Figura que lles dá voz aos centros da Rede e interactúa no seu nome ante calquera grupo, institución ou entidade.

CARLOS SALGADO

CARLOS SALGADO

GRUPO DE TRABALLO DE ALTO NIVEL

Órgano encargado de determinar a estratexia e prestarlle apoio e asesoramento á Rede. Está conformado por expertos de referencia nos ámbitos da política científica, da innovación e da xestión e avaliación de centros.

GRUPO DE TRABALLO DE ALTO NIVEL

Órgano encargado de determinar a estratexia e prestarlle apoio e asesoramento á Rede. Está conformado por expertos de referencia nos ámbitos da política científica, da innovación e da xestión e avaliación de centros.

OPERATIVA

COMITÉ MIXTO DE TRABALLO

Comité encargado de definir a actividade anual da Rede. Está integrado por representantes dos centros, a Secretaría Xeral de Universidades e a FEUGA.

COMISIÓNS DE TRABALLO

Mecanismo interno de traballo para abordar problemáticas e proxectos de mellora en ámbitos de interese común para os centros. Están conformadas por persoal especializado dos centros e expertos externos.

UNIDADE OPERATIVA

Estrutura que coordina e lle dá soporte á actividade da Rede. Esta unidade está integrada por persoal da FEUGA.

CENTROS CIGUS

Na actualidade son 10 os centros das tres universidades galegas:
Universidade da Coruña (UDC), Universidade de Santiago (USC) e Universidade de Vigo— que contan co recoñecemento CIGUS.

Subir ao principio Subir ao principio