Resumo de actividade da Rede CIGUS en 2022

30 de Decembro de 2022

Resumo de actividade da Rede CIGUS en 2022

A Rede CIGUS implementou durante o 2022 unha serie de iniciativas enfocadas a mellorar o rendemento dos centros universitarios de investigación de Galicia e a proxectar a actividade da Rede. As principais actividades desenvolvidas nesta anualidade foron as seguintes:

  • Definición da estratexia de comunicación da Rede CIGUS, dirixida a mellorar o seu recoñecemento e posicionamiento tanto no ámbito nacional como internacional.
  • Realización dun diagnóstico de situación para coñecer o estado da xestión de datos de investigación nos centros da Rede e nas universidades do SUG e elaboración dun documento propositivo para a creación e desenvolvemento dunha estratexia conxunta neste ámbito, orientada a mellorar a xestión e a optimizar a reutilización de datos de investigación dos centros CIGUS e das súas universidades de adscrición.
  • Desenvolvemento dun exercicio de diagnóstico e avaliación do potencial de transferencia dos centros CIGUS, enfocado na detección de fortalezas e debilidades e o deseño de KPI de referencia para a definición de obxectivos neste ámbito.
  • Definición dun marco de referencia e posicionamento da Rede CIGUS en materia de igualdade e elaboración dun conxunto de indicadores e recomendacións para proporcionarlles aos centros CIGUS un marco común de actuación e impulsar o seu liderado neste campo.
  • Desenvolvemento dun novo procedemento de avaliación externa optimizado, ao que se someten os centros para asegurar a súa excelencia científica e alcanzar ou renovar a acreditación CIGUS.

Ademais destas liñas de acción, a Rede organizou actividades formativas dedicadas aos investigadores e ao persoal de apoio aos investigadores dos centros CIGUS. Entre elas, encóntranse as seguintes: «Como elaborar un plan de xestión de datos», orientada a investigadores dos centros CIGUS, e «Como apoiar a elaboración de plans de xestión de datos desde un centro de investigación», dirixida a persoal de apoio aos investigadores dos centros. Ademais, durante 2022 presentouse unha proposta MSCA COFUND conxunta orientada á captación de investigadores de posdoutoramento e púxose en marcha un servizo de titorización e asesoramento para resolver problemas ou atender novos retos dos centros.

Subir ao principio Subir ao principio