Seleccionan o Centro de Investigación Mariña (CIM) para participar nun «megaproxecto» europeo de 73 socios e más de 15 millóns de euros
19 de Maio de 2023
O Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo, e membro da Rede CIGUS, é unha das entidades seleccionadas para participar nun «megaproxecto» europeo financiado polo programa de investigación e innovación Horizonte Europa con máis de 15 millóns de euros e no que se reúne a participación de 73 institucións, as principais infraestruturas de investigación da Unión Europea relacionadas coa agricultura, campo no que tamén se inclúe a acuicultura. Trátase de AgroServ, Integrated SERVices supporting a sustainable AGROecological transition, un consorcio co que se busca facilitar a transición ecolóxica e o desenvolvemento dun sistema campo-alimentario sostible.
Este proxecto, de cinco anos de duración, está liderado desde Francia polo Centro Nacional para a Investigación Científica (CNRS), a institución de investigación máis importante neste país e nel a representación da UVigo chega da man do Laboratorio de Fisioloxía de Pescados PHYStoFISH, dirixido polo catedrático José Luis Soengas, e da Estación das Ciencias Mariñas (Ecimat), integrante do nó español do EMBRC o Centro Europeo de Recursos Biolóxicos Mariños.
O esgotamento continuo dos recursos naturais, a degradación ambiental e os impactos do cambio climático formulan a necesidade dunha transición agrícola cara a unha maior resiliencia, ao tempo que se garanta a seguridade alimentaria e nutricional no ámbito mundial. Con AgroServ, a Unión Europea busca apoiar a investigación e a innovación proporcionando servizos de infraestruturas de investigación personalizados e integrados en todos os campos relacionados con este desafío. A idea é que os 73 socios do proxecto traballen en estreita colaboración con todos os axentes implicados, desde os propios agricultores e agricultoras, ata a industria, a cidadanía e os responsables políticos para, entre todos, conseguir mellorar o futuro do sistema alimentario, preservando a biodiversidade e reducindo o impacto da agricultura no clima.
Socios do Centro Europeo de Recursos Biolóxicos Mariños desde 2016
No caso de AgroServ, participan como socios españoles, ademais da propia Universidade de Vigo (a través do CIM da Rede CIGUS), a Universidade de Santiago de Compostela, o CSIC, a Fundación Centro de Excelencia en Investigación de Medicamentos Innovadores en Andalucía, o Instituto de Investigación de Tecnoloxía Agroalimentarias, RÍGIDA, e E-Science European Infraestructure for Biodiversity and Ecosystem Research.