Senén Varro, director do CiTIUS, membro do Consello Científico do Real Instituto Elcano

26 de Decembro de 2022

Senén Varro, director do CiTIUS, membro do Consello Científico do Real Instituto Elcano

Senén Varro, catedrático de Ciencia da Computación e Intelixencia artificial e director do Centro singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS) da Universidade de Santiago de Compostela, pertencente á Rede CIGUS, foi designado membro do Consello Científico do Real Instituto Elcano. Trátase dun órgano consultivo cuxo obxectivo principal é o de fortalecer e multiplicar a capacidade de análise e o impacto do Instituto Elcano sobre a comunidade académica, as redes de think tanks e a sociedade no seu conxunto. O director do centro ingresou na institución xunto a María Loureiro, catedrática de Economía na Universidade de Santiago de Compostela.

Na composición deste órgano participan de maneira paritaria arredor de cen persoas procedentes de catro bloques temáticos: think tanks globais, investigadores e policy makers, académica e académicos de América Latina e embaixadores e embaixadoras españois en activo. Os seus integrantes están asignados a cada un dos dez eixes da axenda de investigación do instituto, representando as últimas xeracións de persoal investigador con carácter global. Como explica o profesor Senén Varro, o Real Instituto Elcano «é o principal think tank de España e un dos máis relevantes de Europa». O Consello Científico será o órgano internacional consultivo de Elcano, en particular no contexto da investigación que o instituto realiza. En opinión da profesora María Loureiro, os retos deste órgano «están relacionados coa coordinación entre as distintas áreas para producir información útil e de carácter social, que permita o asesoramento especializado e imparcial en temas de actualidade relevantes para España».

No conxunto dos dez eixes da axenda de investigación de Elcano, Senén Varro estará particularmente implicado no de tecnoloxía e transformacións económicas. «O impacto das tecnoloxías máis transformadoras, singularmente as TIC, non só transcende fronteiras, senón que globaliza as sociedades e as economías do mundo», explica o director do CiTIUS. Na súa opinión, a coñecida frase «pensa globalmente, actúa localmente» «faise especialmente pertinente neste caso e será, sen dúbida, un dos retos de Elcano, ao que espero contribuír dun modo relevante». Para explicalo, Barro apela ao feito de que os impactos locais destas tecnoloxías «son enormes: afectan ao emprego, á súa automatización, á educación, á saúde… e son, de modo espontáneo, amplificadoras de desigualdades, polo que non podemos asistir impasibles ao seu desenvolvemento e aplicación».

Subir ao principio Subir ao principio