Sete investigadores e investigadoras do CIM-UVigo participan en Ocean Literacy, unha colección de materiais didácticos promovida polo Campus do Mar

19 de Maio de 2023

Sete investigadores e investigadoras do CIM-UVigo participan en Ocean Literacy, unha colección de materiais didácticos promovida polo Campus do Mar

Tres científicas e cinco científicos do Centro de Investigación Mariña da UVigo, pertencente á Rede CIGUS, e do Instituto Español de Oceanografía da Coruña participan en Ocean Literacy, unha iniciativa que comprende sete novas ilustracións que compilan cada un dos sete principios esenciais da cultura oceánica ou alfabetización mariña. Trátase dunha serie de recursos didácticos accesibles libremente para a poboación cos que se busca cubrir a falta de materias relacionados cos océanos no ámbito da educación formal. Estas ferramentas nacen como resultado do encontro entre persoal investigador coa ilustradora Inés Vázquez, autora de cómic formada na escola O Garaxe Hermético de Pontevedra.

Un lugar de encontro entre ciencia e arte

No acto de presentación da colección, a vicerreitora Mónica Valderrama destacou a importancia deste tipo de iniciativas que «divulgan a ciencia e fan transferencia á sociedade», convertendo «coñecementos que, ás veces, son máis de nicho» en algo «perfectamente lexible e comprensible para un público moi xeneralista e de diferentes idades». Pola súa banda, o director do Campus do Mar e do CIM-UVigo, pertencente á Rede CIGUS, Daniel Rey, destacou que «esta iniciativa foi concibida como un lugar de encontro e diálogo entre ciencia e arte, entre a investigación e a creatividade, unha interacción que se plasma nesta colección de fichas con temas e estilos diversos» pero sempre enmarcados no que se coñece como Ocean Literacy, é dicir, a cultura mariña ou alfabetización oceánica, que consta de sete principios fundamentais.

No evento participou tamén Noelia Estévez, técnica de xestión do Campus do Mar, que presentou as láminas e explicou o proceso creativo, así como algúns das e dos investigadores implicados no proxecto, entre eles, o propio Daniel Rey, como investigador do Grupo de Xeoloxía Mariña e Ambiental (Geoma); María Teresa de Castro, do Laboratorio de Física Ambiental (EphysLab); Emilio Rolán, do Grupo de Xenética de Poboacións e Citoxenética e Xochitl Édua Elías, do Future Oceans Lab, xunto coa ilustradora, Inés Vázquez. Nun debate posterior á presentación das láminas explicaron como foi o proceso de creación e valoraron a súa experiencia nestas iniciativas de transferencia do coñecemento dos laboratorios á sociedade.

Os sete principios da cultura oceánica

As sete ilustracións compilan cada un dos sete principios esenciais da cultura oceánica ou alfabetización mariña: a primeira lámina baséase no feito de que a #Terra ten un só grande océano con diferentes características e céntrase na análise das bacías sedimentarias, da man de Soledad García Gil, investigadora do CIM-UVigo. A segunda trata de explicar que tanto o océano como a vida que contén moldean as características da terra e para iso pon o foco nas rochas e materiais xeolóxicos que se encontran en terra firme, pero que se orixinaron no fondo dos océanos. A terceira lámina serve para explicar a influencia que ten o océano no tempo meteorolóxico e no clima, mentres a cuarta explica como o océano fixo habitable a #Terra e como o mar é a orixe da vida terrestre, coa colaboración do profesor e investigador do CIM-UVigo Emilio Rolán. O quinto principio sostén que o océano mantén unha gran diversidade de vida e ecosistemas, e amósao a súa correspondente lámina. A sexta lámina céntrase na interconexión entre o océano e os seres humanos da man de Xochitl Édua Elías Ilosvay e Diego Salgueiro Otero, do CIM-UVigo. Para cerrar o catálogo, a última lámina céntrase na parte inexplorada e descoñecida do mundo mariño e aborda o modelado numérico como ferramenta para predicir cambios no ecosistema mariño, coa axuda de Manuel Ruiz Villarreal, do Centro Oceanográfico da Coruña (IEO-CSIC).

O evento de presentación foi auspiciado polas Nacións Unidas como actividade incluída dentro do Programa do Decenio das Ciencias Oceánicas para o Desenvolvemento Sostible e impulsado polo centro da Rede CIGUS CIM-UVigo.

Subir ao principio Subir ao principio