Todo caduca: o investigador do CiQUS que recrea obras de arte para estudar o seu envellecemento

16 de Xullo de 2024

Todo caduca: o investigador do CiQUS que recrea obras de arte para estudar o seu envellecemento

Massimo Lazzari, investigador do CiQUS, que pertence á Rede CIGUS, unha iniciativa promovida pola Xunta de Galicia que aglutina os centros do sistema que acreditaron a súa excelencia científica, combina o seu coñecemento na materia de perda de obras de arte co seu traballo científico. Axuda os restauradores a localizar posibles problemáticas que, malia non seren visibles agora, poderían danar as obras no futuro.

«Como non podemos esperar 50 anos e ver de que modo envellece a obra día a día, o que facemos é crear unha réplica e sometela a unhas condicións determinadas que simulen dunha maneira acelerada o que pasaría co tempo para ver se hai algún material crítico que poida causar danos», explica o investigador do CiQUS. 

Para facer as réplicas, os investigadores adoitan falar co propio artista ou co restaurador que estea traballando nesa colección: «Identificamos os materiais empregados nas obras, o cal é relativamente sinxelo ao tratarse dunha práctica cotiá na química analítica», di Lazzari. Segundo o científico, as causas que máis poden degradar as pinturas adoitan ser a temperatura e a luz, ademais do osíxeno. É por iso polo que durante catro ou seis meses e, coa axuda do seu grupo, expón as réplicas a estes axentes externos dunha maneira «acelerada», e despois conclúen se o material envellece nunhas boas condicións ou se, pola contra, pode ser un elemento problemático para a obra no futuro.

Lazzari acaba de publicar un artigo na revista académica Polymers onde analiza o envellecemento do poliacetato de vinilo, é dicir, a cola branca de toda a vida que se pode encontrar en calquera tenda. «Basicamente o problema da arte contemporánea é que moitos dos materiais que se empregan non están pensados para usos artísticos, senón que foron ideados cunha intención máis industrial», comenta o científico. No estudo, Lazzari analizou dúas obras dunha colección do CGAC: Palette, feita por Tony Cragg en 1986, e #Terra, ladrillo e auga I, II e IV, unha creación do ano 2001 pertencente ao autor Darío Villalba. Os resultados mostraron que o envellecemento da cola branca comercial (PVAC) empregada nas obras é bo. Porén, o estudo explica que o aumento da dureza da cola seca si causa problemas de plasticidade que afectarían á conservación «a menos que se apliquen medidas preventivas urxentes».

O principal campo de estudo de Lazzari non é a arte nin o patrimonio artístico: no CiQUS, o grupo deste doutor en Química dedícase á ciencia de materiais e, en concreto, á creación de materiais na nanoescala. Como acabou, entón, estudando obras de arte? Metade diversión, metade compromiso: «Ás veces, os campos nos cales traballamos poden parecer moi áridos, pero a arte é algo que ves, que podes experimentar», di o científico. Segundo conta, comezou a colaborar hai case dúas décadas coa restauradora do CGAC (Centro Galego de Arte Contemporánea) Thais López Morán, que tamén é coautora do artigo publicado en Polymers. Non lembra exactamente quen chamou a quen, pero ata agora xa levan dez obras analizadas. Para Lazzari non só se trata de ter a oportunidade de explorar outros campos, «o cal sempre é divertido»: tamén está axudando a protexer o patrimonio artístico galego. «Cando encontramos unha problemática cun material, sempre intentamos transmitírllelo ao artista e aos restauradores, e ver que se pode facer para evitalo», explica.

Subir ao principio Subir ao principio