Tres Medallas de Investigación da RAGC outorgadas a persoal científico dos centros CIGUS

10 de Outubro de 2025

Tres Medallas de Investigación da RAGC outorgadas a persoal científico dos centros CIGUS

Tres das cinco Medallas de Investigación da Real Academia Galega de Ciencias 2025 foron outorgadas a persoal investigador do CICA e do CITIC, ambos centros de investigación da Rede CIGUS —unha iniciativa promovida pola Xunta de Galicia que agrupa os centros do sistema que acreditaron excelencia científica—.

Esta distinción recoñece traxectorias singulares e consolidadas en investigación desenvolvidas en Galicia, ademais de fomentar a promoción da ciencia e da tecnoloxía galegas. Na edición de 2025 foron premiadas cinco persoas investigadoras: tres da Universidade da Coruña e dúas da Universidade de Vigo.

A investigadora Mª Carmen Veiga, catedrática de Enxeñaría Química da Universidade da Coruña adscrita ao CICA, recibiu a Medalla Antonio Casares Rodríguez, pertencente á sección de Química e Xeoloxía. Veiga lidera o grupo de investigación Bioengin, xunto con Christian H. Kennes, e centra o seu traballo na biotecnoloxía ambiental, en particular no tratamento de augas residuais, a valorización de residuos sólidos e a depuración de efluentes gasosos mediante procesos biotecnolóxicos sostibles.

A investigadora galega, que forma parte da World’s Top 2% Scientist List publicada pola Universidade de Stanford —lista que recoñece as persoas científicas máis influentes do mundo—, declarou ao CICA a súa satisfacción por recibir este galardón: “para min este premio supón o recoñecemento a unha traxectoria profesional dedicada ao desenvolvemento de procesos avanzados de biotecnoloxía ambiental. O meu traballo céntrase na valorización de contaminantes presentes en augas, gases e residuos mediante biorefinería”.

Tamén adscrito ao CICA está o investigador Francisco J. Blanco, que recibiu a Medalla Ángeles Alvariño González da sección de Bioloxía e Ciencias da Saúde da RAGC. Blanco é catedrático de Reumatoloxía da Universidade da Coruña, xefe da Sección de Reumatoloxía Clínica e Traslacional do CHUAC e unha figura destacada da medicina española, ademais dun referente internacional no campo da Reumatoloxía. Lidera o Grupo de Investigación en Reumatoloxía (GIR-S) do CICA, con máis de 10 millóns de euros captados nos últimos cinco anos, máis de 100 proxectos e sendo recoñecido en 2017 como o mellor investigador mundial en artrite.

Actualmente impulsa a aplicación de tecnoloxías computacionais avanzadas relacionadas co Big Data e coa intelixencia artificial para personalizar o diagnóstico e o tratamento das enfermidades reumáticas, anticiparse á súa progresión e optimizar as intervencións terapéuticas posibles.

Pola súa banda, a investigadora do CITIC, Nieves Rodríguez, catedrática da área de Linguaxes e Sistemas Informáticos, recibiu a Medalla Enrique Vidal Abascal, correspondente á sección de Matemáticas, Física e Ciencias da Computación. Rodríguez, referente feminino no ámbito STEM, conta con máis de 30 anos de experiencia investigadora centrada no desenvolvemento de algoritmos e estruturas de datos compactas para o procesamento de grandes volumes de información. En 1996 fundou o Laboratorio de Bases de Datos da UDC, desde o que tamén impulsou unha liña de traballo en Sistemas de Información Xeográfica (SIX).

Completan o grupo de galardoadas e galardoados o catedrático de Física Aplicada da Universidade de Vigo, Juan María Pou Saracho, que recibe a Medalla Isidro Parga Pondal da sección de Ciencias Técnicas; e a catedrática de Dereito Internacional Privado da Universidade de Vigo e decana da Facultade de Relacións Internacionais, Laura Carballo, distinguida coa Medalla Domingo García-Sabell Rivas polo seu labor na mellora das condicións das persoas traballadoras do mar.

A entrega dos galardóns tivo lugar no acto académico de celebración do Día da Ciencia en Galicia, o 8 de outubro en Santiago de Compostela.

Subir ao principio Subir ao principio