Un equipo do CiMUS recoñecido cos Premios da Investigación Fundación Barrié – Real Academia Galega de Ciencias

3 de Febreiro de 2025

Un equipo do CiMUS recoñecido cos Premios da Investigación Fundación Barrié – Real Academia Galega de Ciencias

O equipo de investigación do CiMUS, centro que pertence á Rede CIGUS, unha iniciativa promovida pola Xunta de Galicia que aglutina os centros do sistema que acreditaron a súa excelencia científica, ”Gene Regulatory Control in Disease”, liderado por Ashwin Woodhoo, foi recoñecido cun dos accésits na categoría de Ciencias Básicas dos Premios de Investigación Fundación Barrié – Real Academia Galega de Ciencias. Foi galardoado polo seu descubrimento dun novo mecanismo que revela o motivo polo que en certas enfermidades dánase a capa protectora dos nervios.

Existen numerosas doenzas que implican lesións de nervios que afectan a brazos e pernas como a esclerose múltiple ou a enfermidade de Charcot-Marie-Tooth, nas que, por circunstancias de orixe ata o de agora descoñecida, prodúcese unha perda de mielina, a materia graxa que recubre as células nerviosas e que permite a correcta transmisión do impulso nervioso. Neste contexto, os investigadores acharon un mecanismo clave na súa formación, de forma que, cando se producen nel anomalías, desencadéanse problemas para camiñar, debilidade muscular ou pinzamento nas extremidades. Con este achado engádese unha nova diana para o deseño de novas estratexias terapéuticas contra estas doenzas.

Os Premios de Investigación Fundación Barrié – Real Academia Galega de Ciencias, cos que se busca recoñecer a mellor investigación que se desenvolve en Galicia en Ciencias Básicas, Técnicas e Sociais, serán entregados o próximo día 5 de febreiro no Pazo de San Roque de Santiago, coincidindo coa apertura do curso académico da RAGC.

Subir ao principio Subir ao principio