Un equipo do CITIC reconstrúe 10 millóns de anos da historia do cometa interestelar 3I/ATLAS
25 de Setembro de 2025
Un equipo internacional do CITIC, centro de investigación da Universidade da Coruña e membro da Rede CIGUS —unha iniciativa promovida pola Xunta de Galicia que agrupa aos centros do sistema que teñen acreditada a súa excelencia científica— vén de reconstruír a historia orbital do terceiro obxecto interestelar detectado no noso Sistema Solar: 3I/ATLAS.
O estudo, liderado polo investigador Xabier Pérez Couto, está dispoñible no repositorio aberto arXiv e foi enviado para publicación na revista científica The Astrophysical Journal e nel dáse a coñecer a traxectoria que seguiu este cometa ao longo dos últimos 10 millóns de anos na Vía Láctea.
O obxecto interestelar 3I/ATLAS foi descuberto o pasado 1 de xullo polo sistema ATLAS (Asteroid Terrestrial-impact Last Alert System) en Chile. Trátase do terceiro obxecto interestelar rexistrado —un corpo procedente doutro sistema estelar— e, malia que se pensa que deberían ser relativamente comúns, ata o momento só se descubriran dous: 1I/‘Oumuamua (2017) e 2I/Borisov (2019).
Este achado foi posible grazas aos datos de alta precisión da misión espacial Gaia, da Axencia Espacial Europea (ESA), liderada en Galicia pola tamén investigadora do CITIC Minia Manteiga. A partir desta información, o equipo calculou tanto a órbita de 3I/ATLAS como a de máis de 13 millóns de estrelas, co obxectivo de identificar posibles encontros próximos entre estas e o cometa.
Segundo indica Xabier Pérez Couto, «O que fai único a 3I/ATLAS é que nos permite estudar a evolución de obxectos procedentes doutros sistemas estelares, algo que ata agora só se tiña formulado en teoría. Cada observación é como abrir unha fiestra ao pasado do Universo».
Entre as características máis salientables deste cometa interestelar destacan a súa elevada actividade cometaria —indicativa dunha gran riqueza en xeo— e a súa altísima velocidade, de arredor de 58 km/s (máis de 200.000 km/h). Isto convérteo nun visitante fugaz pero de enorme valor para a investigación. Ademais, segundo os resultados do estudo, trátase dun obxecto extraordinariamente antigo, cunha idade próxima aos 10.000 millóns de anos. É, polo tanto, unha verdadeira cápsula do tempo cósmica, que conserva información sobre a formación e evolución dos primeiros sistemas planetarios do Universo.
Esta investigación tamén subliña a dificultade de rastrexar a orixe exacta dos obxectos interestelares individuais. Porén, o equipo destaca que, a medida que aumenten os descubrimentos deste tipo, será posible identificar patróns químicos e dinámicos a escala galáctica, achegando desta forma claves únicas sobre como se forman e se dispersan os planetas e cometas polo Cosmos