Un equipo do IGFAE consegue producir carbono-11 para imaxe médica mediante aceleración láser
6 de Xuño de 2024

Unha investigación liderada por persoal do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), centro que pertence á Rede CIGUS, unha iniciativa promovida pola Xunta de Galicia que aglutina os centros do sistema que acreditaron a súa excelencia científica, conseguiu producir, por primeira vez, o radioisótopo carbono-11 en condicións adecuadas para o seu uso en imaxe médica a través de aceleración láser.
A revista Scientific Reports publicou recentemente o artigo que describe este experimento. «Aínda que hai uns anos xa se demostrou a produción de radioisótopos para imaxe médica mediante aceleración láser, esta é a primeira vez que se conseguen producir durante un período de tempo suficiente para o seu uso en imaxe médica», explica Aarón Alejo, investigador Ramón y Cajal do IGFAE.
O experimento desenvolveuse no Centro de Láseres Pulsados de Salamanca (CLPU), no marco dunha colaboración do IGFAE, a Universidade de Sevilla, o Instituto de Instrumentación para Imaxe Médica do CSIC e a Universidade Politécnica de Valencia.
O avance conseguido por este equipo ofrece unha esperanzadora vía para facilitar o acceso a probas de diagnóstico mediante imaxe médica con radiomarcadores. Porén, estas probas están actualmente limitadas pola tecnoloxía necesaria para levalas a cabo.